PROXECTO RIOS NO CAMPUS CENTRAL DA UDC Imprimir E-mail
Programa de promoción do voluntariado ambiental no campus central da UDC (Elviña-A Zapateira) en temas de biodiversidade, especies invasoras e custodia do territorio.
A universidade é un bo espazo para o desenvolvemento dun programa de voluntariado para a custodia ambiental do territorio, ao contar por unha banda con expertos que poden asesorar na investigación dos recursos naturais, a biodiversidade e as especies exóticas invasoras, así como con estudantes que poden aproveitar a experiencia para aplicar os seus estudos (botánica, novas tecnoloxías, etc) ao tempo que poden nutrir un grupo de voluntariado ambiental cuxa actividade redunde nunha mellor formación persoal e concienciación da comunidade universitaria no seu conxunto.
As especies exóticas invasoras (EEI en diante) son o segundo factor de pérdida de biodiversidade, a nivel global, despois da destrución do hábitat. A divulgación e o coñecemento destas EEI é fundamental para logo deseñar actuacións encamiñadas á prevención e eliminación de ditas especies. Que a sociedade en xeral valore o impacto que producen as EEI no medio natural tamén é un aspecto moi importante para o control da súa propagación. A través deste programa pretendemos que o alumnado universitario do campus da UDC se auto-organice e realice traballos de identificación de flora exótica invasora na área do campus de UDC para logo propoñer iniciativas que palíen os seus impactos.
Tamén resulta acaído a realización de actividades de voluntariado ambiental arredor dos ríos co alumnado da universidade. Estas actividades consistirán na inspección ecolóxica dos ríos, empregando a metodoloxía do Proxecto Ríos desenvolvido por ADEGA, que atravesan o campus de A Coruña (Elviña e Zapateira). O obxectivo será achegar aos participantes á contorna fluvial poñendo en valor estes ecosistemas dentro da universidade. Tamén, unha vez realizada a diagnose, propoñeranse actuacións de mellora para os ríos do campus da UDC.
O desenvolvemento o programa inclúe as seguintes actividades:
-Formación de grupos de voluntarios de estudantes.
-Investigación (monitoreo) de diferentes aspectos de biodiversidade e especies exóticas invasoras no campus.
-Inspección dos ríos que atravesan o campus da UDC.
-Propostas de actuación, con especial atención aos programas de custodia do territorio, a realizar autonomamente polos grupos de voluntariado.
 
Para participar nas actividades de voluntariado ambiental podedes anotarvos en: / 981 167 050 ext.5693. / 981 57 00 99  (Paco).
go to top