Custodiando o río Gallo: Limpeza de lavadoiros fluviais en Cuntis Imprimir E-mail
imagen2.jpgA chuvia non desanimou aos voluntarios e voluntarias que o pasado sábado 9 de marzo se deron cita en Cuntis para levar a cabo a limpeza dos lavadoiros fluviais. Esta actividadade enmárcase no proxecto de Creación dunha rede de custodia fluvial nas bacías do Ulla Umia e Lérez desenvolvida por ADEGA, financiado con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A Asociación O Fervedoiro de Cuntis colabora con ADEGA dentro deste proxecto na bacía do Umia, desenvolvendo a súa iniciativa: Arredor da Auga, centrada na recuperación do patrimonio etnográfico vencellado ao curso do río Gallo na vila de Cuntis. Podes ver fotos da xornada no álbum de Picasa.

Desta volta a actividade centrouse nos singulares lavadoiros fluviais que existen na vila. O voluntariado contou con variada ferramenta (luvas, tesoiras de podar, serras, cepillos…) coa que pouco a pouco foi desprendendo a vexetación que cubría os lavadoiros.

Foron unha ducia de persoas que cubertos ata as cellas con impermeables, conseguiron que o patrimonio cuntiense volvese a lucir un pouquiño máis para beneficio de toda a cidadanía. Limpáronse boa parte dos lenzos de pedra do río e retiráronse os restos vexetais en distintos sacos. Limpáronse os lavadoiros de “Ameixeiras”, os dous do antigo Hotel Barreiro, dous da casa de “Escariz” e o do Hotel Fonteverde (o lavadoiro máis humilde de todos). Segundo se pasaban os cepillos polas distintas construcións, recordábase o valor dos canteiros á hora de tallar a pedra e o valor das mulleres que baixaban ás augas para lavar a colada.IMG 9702

Como calquera iniciativa de custodia, a asociación O Fervedoiro falou previamente cos donos e donas das fincas onde se localizan os lavadoiros, os cales cederon amablemente a entrada para as labores de limpeza. A custodia do territorio (fluvial neste caso) fai partícipe a cidadanía promovendo accións sostibles que poñan en valor os recursos naturais e culturais.

Dende ADEGA e O Fervedoiro, cremos que estes actos serven non só para por en valor os recursos etnográficos (de cara á veciñanza e visitantes) senón para fomento da conciencia social: lembrando vellos oficios e lembrando á sociedade as posibilidades que temos cando traballamos en grupo.

 IMG 9821
< Anterior   Seguinte >
go to top