Crónica do IX Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos Imprimir E-mail
img_2417.jpg
O pasado 15 de xuño de 2013 celebrouse no Centro de Interpretación A Casa das Ínsuas (Rábade) o IX Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos. Como en anteriores ocasións convidouse ao voluntariado participante a compartir as súas experiencias sobre os traballos que realizan dentro do Proxecto Ríos e a gozar dun día de encontro e esparcemento ao carón dun río e espazo privilexiados. A xornada deu comezo ás 10:30 da mañá coa inauguración das xornadas por parte de Virginia Rodríguez, Coordinadora do Proxecto Ríos, e Óscar Rivas da Casa das Ínsuas e da Asociación Galega de Custodia do Territorio.
  A continuación, foi a quenda dos grupos participantes que expuxeron as súas experiencias. Falou en primeiro lugar Mark Adkinson sobre a asociación AEMS Ríos con Vida e as actividades que desenvolven relacionadas, sobre todo coa denuncia das agresiónsimg_2454.jpg que se fan aos nosos ríos, e coa promoción e creación de treitos de pesca sen morte; logo os/as alumnos/as do IES Muralla Romana de Lugo falaron dos traballos realizados no río Mera onde estudaron, aparte do patrimonio natural, a presenza de elementos etnográficos tanto materiais como inmateriais e os aspectos xeolóxicos da conca do Mera. De seguido foi a quenda da Asociación O Fervedoiro, onde Heitor e Xavi expuxeron as accións de recuperación de lavadoiros e pasos no río Gallo ao seu paso pola vila de Cuntis dentro do programa Ulla, Umia, Lérez.
  
Despois das comunicacións fíxose un pequeno descanso onde se serviu café con bolachas.
 
img_2531.jpgA continuación deu comezo a charla marco dos encontros, que este ano foi para coñecer máis de preto os mamíferos dos nosos ríos. Para elo contouse coa presenza de Augusto de Castro, profesor de Zooloxía do Campus de Lugo, que falou sobre a rata de auga (Arvicola sapidus) e o mapache (Procyon lotor) explicando as súas características, bioloxía e como recoñecer os seus rastros. Contamos tamén coa presenza de Rafael Romero, biólogo e responsable das sondaxes de lontra (Lutra lutra) en Galiza. Rafael falou, aparte da lontra, do visón americano (Neovison vison) e de outras especies de mamíferos que poden habitar os nosos ríos e ribeiras. A continuación foi a quenda de Xesús Santamarina, Responsable do LIFE Margal – Ulla que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente. Centrouse a súa exposición sobre a bioloxía e características do auganeiro (Galemys pyrenaicus). A continuación abriuse un interesante debate sobre a conservación dos mamíferos de ribeira.
A conferencia marco rematou coa entrega dun agasallo –unha litografía dunha garza real, obra de Calros Silvar– que por parte do Proxecto Ríos quixemos facerlle aos poñentes.
Ás 14:30 dispúxose un xantar popular a cargo do Proxecto Ríos.

img_2621.jpg

Xa pola tarde fíxose un roteiro, guiado por Oscar Rivas e Rafael Romero, polas ínsuas do río Miño que pasa ao carón da Casa das Ínsuas para localizar rastros e pegadas de mamíferos. Puidemos apreciar a fermosura desta zona do Miño, que nesta época do ano está especialmente esplendorosa pola floración do ranúnculo (Ranunculus aquatilis). Nas varias paradas que se fixeron puidemos atopar, nas rochas á beira do río, restos de excrementos de lontra. Ás 18:30 deuse por finalizado o IX Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos cunha participación de 30 persoas.
 
 Pódense ver as fotos do encontro no seguinte enlace
< Anterior   Seguinte >
go to top