Crónica do Roteirríos pola Limia Imprimir E-mail
img_1746.jpg
O pasado sábado 26 de outubro, Proxecto Ríos organizou un novo itinerario coa intención de coñecer os diferentes ecosistemas doceacuícolas da comarca Limiá.
A comarca da Limia foi un dos tesouros da natureza galega e aínda que agredida até a extenuación continúa a conservar valores ambientais que compre salientar.
Guiados por Diego Vieites, Coordinador xeral e Verdegaia, e biólogo experto en restauración de ecosistemas, pasamos unha xornada aprendendo e coñecendo cousas sobre a biodiversidade deste recuncho galego, así como as súas lendas e historia. Dicir que, logo dunha semana de intensas choivas o dia estivo espectacular, dominado polo sol que só por momentos se cubriu.
Podes descargar as fotos da xornada no seguinte ALBUM.
O roteiro comezou de mañá na Ponte das Veigas, preto da desembocadura no Limia do río Bidueiro na Saínza. Alí, logo dunha presentación da comarca e da súa evolución nestes últimos anos, comezamos a camiñar, porén, a andaina non foi un maratón e pronto se detivo; a aparición dun ameneiro (Alnus glutinosa), un freixo (Fraxinus angustifolia) de folla estreita ou unha garzota (Egretta alba) foron algúns dos motivos que nos levaron a parar e a comentar diferentes cuestión vinculadas coa ribeira do Limia.
img_1612.jpgE así discorreu a mañá, entre observacións, comentarios e risas. Cara o final do roteiro da mañá e xa meténdonos na fraga comezaron a agromar setas que deron para comentar diferentes cuestións sobre o mundo da micoloxía; especies, perigos, receitas, etc.
Voltamos e dirixímonos a xantar nun lugar privilexiado. Xa con fame sentamos baixo o acubillo do monumento natural de A Carballa da Rocha, exemplar espectacular de carballo, que podería ter sobre uns 600 anos de idade . A denominación de carballa fai referencia a aqueles árbores que eran demoucados para favorecer a súa poda, e poder facer leña. Pola contra os carballos eran empregados para facer vigas, polo que a súa poda era diferente.img_1699.jpg
O roteiro da tarde estivo adicado a coñecer outro ecosistema doceacuícola da comarca, as areeiras. Espazo que non debemos confundir coa antiga Lagoa da Antela, como lle sucede a máis dunha persoa, e que tampouco debemos esquecer que son explotacións industriais. Porén, a natureza teimosa e constante abriuse paso entre dragas, pistas e camións e recuperou parte do que é seu. Así, con axuda ou sen ela, nalgunha das antigas areeiras, flora e fauna están a converter esta explotación mineira nun recuncho ben interesante para a biodiversidade galega.
E con esa intención guiounos Diego Vietes na sesión da tarde, percorremos a zona visitando areeiras en explotación, areeiras recuperadas e areeiras que se recuperaron ou están en proceso de facelo sen outra axuda que a do paso do tempo. Para finalizar a tarde coñecemos unha pequena pero interesante iniciativa que o noso guía está desenvolvendo nunha das areeiras: instalación de illas flotantes coa intención de fomentar a biodiversidade.
img_1722.jpgA pesares de que todas aquelas areeiras que se deixan de empregar deberían seguir un proceso de restauración, a realidade é que moitas delas quedan abandonadas en non hai outra restauración que o paso do tempo como xa comentamos. Porén, algunhas delas, que existen basicamente pola vontade dalgún empresario con conciencia e (no seu tempo) o apoio da Xunta de Galicia, estanse a converter en espazos ben interesantes para visitar.
Despedímonos xa con dia marchando até o próximo Roteirríos agradecéndolle a Diego Vieites a súa visita guiada e aos participantes a súa presenza.
Vémonos nos ríos.
< Anterior   Seguinte >
go to top