Crónica do XIX Curso de Formación do PR Imprimir E-mail
img_6426.jpgFoi o pasado sábado, 26 de abril, cando celebramos o curso de primavera do Proxecto Ríos. Na estación hidrobiolóxica do río Con, en Vilagarcía de Arousa, fixemos repaso dos dez primeiros anos de andaina do proxecto. Sobre as once da mañá fóronse acomodando os participantes do encontro, e un cuarto de hora máis tarde daba inicio unha pequena introducción a cargo de Virginia Rodríguez e Paco Bañobre, que falaron do informe realizado cos datos aportados polo voluntariado ao longo destes anos e as diferenzas apreciadas desde o inicio ate agora. Tamén fixeron un anuncio das actividades programadas polo Proxecto Ríos para esta primavera.
Podes ver as fotos da xornada nesta LIGAZÓN.
 
img_6447.jpg
 
Tras isto, e despois dun pequeno paréntese, Ramsés Pérez fixo unha pequena introdución sobre a fauna asociada aos nosos ríos, e a continuación presentou a un dos convidados, Xosé Pardavila, do grupo G.E.A.S. (Grupo de Estudio de Animais Salvaxes). Inmerso nun proxecto para crear un atlas de distribución real da fauna en Galicia, Xosé falou das dificultades coas que se atopa para poder consultar os inventarios de especies presentes na nosa terra, xa que ademais de ser pouco accesibles, os datos que aportan son antigos e inexactos. Polo tanto, a pretensión ou obxectivos son os de actualizar os datos, delimitar zonas de especial protección, establecer requirimentos básicos e xerar un protocolo de actuación continuo.
A continuación foi a quenda de Roi Carballal, á fronte da páxina biodiversidade.eu: un proxecto que abrangue o territorio de Galicia e o do norte de Portugal e que ten como principais obxectivos os de protexer, clasificar e recoñecer a flora autóctona deste territorio, para o cal conta coa colaboración, ademais de cunha gran cantidade de voluntarios/as que comparten datos de interese, das Universidades de Santiago e de Porto.
 
img_6455.jpgRematada a quenda de Roi, chegou o momento de coñecernos todos un chisco máis, e contarlle ao resto de participantes quen somos, de onde vimos e o río que estudamos. De novo gañaron por maioría os da contorna atlántica, e os centros de ensino os máis implicados con eles. Xa sabendo quen é cada quen, dispuxémonos a xantar nas mesmas instalacións da estación hidrobiolóxica: tocaba coller forzas para logo ir ate o río.
 
Logo da sobremesa, e xa en compañía do director da estación, Rufino Vieira, puxemos rumbo ao río Con, moi preto da estación. Alí, fixemos tres grupos para poder desenvolver a inspección con maior comodidade en tres puntos diferentes. Encabezaba un deles o propio Rufino, outro Paco Bañobre e o terceiro era o de Lucía Parente. Cada un situouse nun treito, e tras introducirse na auga, foron capturando no trueiro os macroinvertebrados, para posterior clasificación e observación no laboratorio. Tras o proceso de clasificación por familias, foi Rufino o encargado de precisar a través dun microscopio e de un proxector, as principais características propias de cada un dos exemplares, curiosidades da súa morfoloxía, hábitos e hábitats que soen frecuentar.
 
p1013609.jpgFinalizado o último exemplar, chegou o momento da despedida, coa vontade de nos ver de novo na próxima campaña. Participaron nesta xornada 35 persoas.
< Anterior   Seguinte >
go to top