Crónica da Xornada Ríos e Patrimonio Mineiro Imprimir E-mail

dsc_6272.jpgQuiroga foi o lugar escollido pola súa riqueza mineira e todo o que iso abrangue. O pasado dez de maio desenvolveuse nesta vila, ao pé do Courel, unha xornada centrada na minería ao longo da historia. A través de diferentes expertos na materia coñecemos o que supuxo e supón para estas terras esta actividade e o gran legado que foi deixando ate os nosos días.

Reunidos na Casa da Cultura, a presentación e inauguración da xornada correu a cargo de Virgina Rodríguez, Coordinadora do Proxecto Ríos, Alberto de Anta, da Confederación Hidrográfica Miño – Sil e Julio Álvarez, Alcalde de Quiroga. Os tres salientaron a necesidade da participación da cidadanía na conservación dos nosos ríos e agradeceron aos participantes a súa asistencia.

Podes ver as fotos da xornada na seguinte LIGAZÓN

dsc_6020.jpgA continuación, Iván Álvarez Merayo, arqueólogo especializado na zona, fixo un repaso do que leva sendo a minería ao longo dos séculos. Dende a época castrexa, na que se extraía o ouro para uso individual, como expresión de riqueza, ate a época romana, período de máximo esplendor desta actividade. É neste momento cando se comeza a forxar a meirande parte do patrimonio arqueolóxico que hoxe en día podemos apreciar na contorna, sendo a máxima expresión o Túnel de Montefurado, un espectacular furado feito nas rochas só coa forza da auga co fin de extraer o ouro do seu interior. Existen tamén diversas galerías, covas, e buratos que amosan a ambición dos romanos polo prezado metal.

Logo, José M. Rodríguez Gonzalez, por parte do INORDE, presentou a recentemente inaugurada “Ruta do Wolframio” por terras ourensáns, ademais de salientar a gran riqueza que supón a auga en case todas as súas variantes para a provincia.

dsc_6045.jpgLogo dun pequeno receso, Ramón Vila, pertencente á corporación municipal, acompañounos nunha visita guiada polo Museo Xeolóxico de Quiroga, onde puidemos contemplar a evolución biolóxica e arqueolóxica de toda a zona, así como a distribución por estes montes de outro dos motores económicos da comarca: a lousa.

Tras isto, degustamos un xantar comunitario na área recreativa de San Clodio, a carón do río Sil. Despois de comer, Alberto Abilio, bateador aficionado, fixo alí mesmo unha demostración na súa arte de buscar o ouro, onde tamén tivemos a oportunidade de intentalo algúns de nós, descubrindo a importante dose de paciencia necesaria para a realización desta actividade.

dsc_6204.jpgChegou entón o momento de poñer rumbo a Rugando, punto de saída do roteiro programado para a tarde. Alí, nunha vella aldea en plena Serra do Courel, comezamos o camiño: un sinuoso sendeiro que descorre a máis de catrocentos metros de altura, nalgún treito, sobre o río Soldón. A ruta era a que anos atrás seguían os habitantes da zona para extraer o ferro, de aí que hoxe sexa coñecido como Camiño Ferradal. A pesar da calor que nos acompañou durante o percorrido, as espectaculares vistas que nos fomos atopando e certas especies de fauna que asomaron o outro lado da montaña, como algún corzo que saíu ao noso paso, cubriron as nosas expectativas, ademais de poder apreciar a riqueza arqueolóxica que se puido contemplar ao longo de todo o percorrido.

O camiño rematou, tras máis de catro horas, en Paradaseca. Punto onde puxemos fin a xornada.

< Anterior   Seguinte >
go to top