Crónica do IX Campo do Río Tea Imprimir E-mail
img_7855.jpgDurante a pasada fin de semana, do venres 30 de maio ao domingo 1 de xuño, continuaron as actividades deste proxecto que ADEGA e o Proxecto Ríos levou a cabo a través do Programa de Voluntariado en Ríos, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente –MAGRAMA– dende o ano 2007. Este ano 2014 voltamos a contar coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Como noutras veces, o voluntariado contou coa ferramenta axeitada para a realización das actividades de eliminación, un seguro de responsabilidade civil e accidentes colectivos, o aloxamento, manutención e actividades complementarias como un roteiro polo río Alén que serviu para coñecer máis de cerca os valores naturais que alberga a conca do río Tea. Podes ver as fotos do IX Campo do Tea no Album de Google+
O campo comezou o venres 30. Combinamos na vila de Mondariz coa maioría do voluntariado e dende alí desprazámonos ata o albergue Alentea. Logo de instalarnos houbo dúas presentacións por parte da equipa de Proxecto Ríos, nas que se lle explicou ao voluntariado a traxectoria do Proxecto Tea, os traballos desenvolvidos dende o 2008 así como una presentación sobre as especies exóticas invasoras e a súa problemática. Explicóuselles tamén o programa da fin de semana e a metodoloxía de traballo, as normas de seguridade, os seus dereitos e deberes, etc. Tamén se lles entregou unha carpeta con documentación sobre especies invasoras. Aproveitamos o resto da noite para coñecernos e cear no albergue, desfrutando da marabillosa cociña de María e Josu.
 
img_7715.jpgO sábado, despois do almorzo, recollemos a ferramenta e desprazámonos ata a zona de traballo. A primeira parada foi nas charcas artificiais que se atopan no aparcamento onde deixamos os coches. Alí xa se tiña traballado en ocasións anteriores. Na primeira charca xa retiraramos xacinto de auga (Eichhornia crassipes), fento acuático (Azolla filiculoides), cola de raposa (Myriophyllum aquaticum) e papiro (Cyperus eragrostis), e constatamos que a flora exótica presente non volveu a colonizar a charca por segundo ano consecutivo. Na máis pequena, nutrida polo caudal da fonte construída na zona de aparcamento, a presenza de cola de raposa, fento acuático e papiro era bastante abundante, sobre todo da primeira, aparecendo ademais fauna exótica: Carpín dourado (Carassius auratus). Deixamos as labores de eliminación e a inspección das condicións ecolóxicas das dúas charcas para a tarde.
 
A continuación baixamos ao río para ver os lugares onde se traballou nos campos anteriores na eliminación de mimosa (Acacia dealbata) na principal mancha, e onde hoxe en día case non se atopan individuos da especie invasora, e onde si se identificaron numerosas especies herbáceas autóctonas. Organizamos ao voluntariado participante en dous grupos como xa ven sendo habitual: un itinerante que inspeccionou as zonas de traballo de anos anteriores eliminando a flora exótica que ía atopando. Este grupo, formado por 4 persoas, retirou 40 pés de Tritonia x crocosmiiflora na beira do río, 100 de A. dealbata ao longo de 1,5 Km., e tamén 6 de falsa acacia (Robinia pseudoacacia).
 
No lugar onde se eliminou unha grande mancha de bambú (Phyllostachys sp.) non se atopron pés desta especie asiática. Pola súa parte, o grupo das acacias continuou os traballos de eliminación sobre a última mancha de mimosa escollida.
 
Ás 14:30 dispuxemos una zona para xantar á beira do río onde demos boa conta dos bocadillos e froita preparados por Josu e Mari. Xa pola tarde, o grupo desprazouse para coñecer a zona de traballo do bambú (Phyllostachys sp.)img_7802.jpg, que quedou completamente limpa desta perigosa especie invasora.
 
Os participantes do grupo itinerante uníronse aos do grupo das acacias para abordar unha nova mancha desta árbore invasora. Encetamos así unha nova área de traballo, xusto ao carón da zona do bambú. O grupo de 20 voluntarios/as traballaron duramente levantando raíces, sachando, serrando, arrincando e recollendo os restos das mimosas. Tamén se fixeron varios aneis de descortizado a exemplares grandes. A maioría dos restos retirados non tiñan perigo de rebrote, polo que deixamos amoreada moita materia vexetal á beira do camiño.
 
 
img_7888.jpgÁs 18:00 desprazámonos de volta ás charcas, onde fixemos inspección da máis grande. Coa máis pequena decidimos non retirar a flora e fauna exóticas xa que ano tras ano volven a aparecer, e sí comunicar ao concello e á CHMS a situación na que se atopa esta charca.
 
Á mañá seguinte tras almorzar reunímonos no albergue para facer unha posta en común dos traballos realizados o día anterior. Como sempre neste espazo demos pé a escoitar as propostas de mellora do grupo de voluntariado. Despois, para rematar o campo de voluntariado fomos a visitar a reitoral e a igrexa de Barciademera. Alí Josu ilustrounos sobre os elementos arquitectónicos máis salientables destes edificios. A continuación fomos ata a capela da Inquisición onde degustamos un xantar de campo para coller forzas para o roteiro que se fixo de seguido polo río Alén.
 
img_8078.jpg Puidemos ver a flora característica que acompaña ás carballeiras termófilas que habitan nesta comarca. Puidemos tamén ver a Woodwardia radicans, fento relicto do terciario que aínda vive nestes paraxes, testemuño de épocas climáticas pasadas.
Rematado o roteiro, despedímonos do grupo de voluntarios/as que participaron nos IX campos de voluntariado do río Tea.
< Anterior   Seguinte >
go to top