Crónica da Festa dos 10 Anos do Proxecto Ríos Imprimir E-mail
img_8913.jpgO pasado 29 de xuño celebramos o décimo aniversario do Proxecto Ríos. Desenvolveuse esta efeméride na área recreativa de Tapia, no Concello de Ames, ao carón do río Tambre.
A xornada comezou ás 11:00 da mañá cun tempo atmosférico adverso xa que chovía un miudiño. Isto motivou o retraso de primeira actividade, un roteiro interpretativo polo río Tambre, que se iniciou ás 12:00h e ao que asistiron case 30 persoas.
 
 
 
 
 
img_8901.jpg
O espazo da festa decorouse con elementos como fotografías dos grupos de voluntarios e voluntarias que durante esta década participaron nas diferentes actividades desenvolvidas arredor dos nosos ríos, fotografías de fauna e flora dos ríos, un mapa cos 283 grupos que están a participar na actualidade no proxecto, uns acuarios con macroinvertebrados para que os asistentes puideran identificalos, cartaces dos cursos de formación, roteirríos, campos de voluntariado, encontros de voluntariado, etc.; unha pancarta conmemorativa do evento, un fotomatón para que grandes e pequenos se puidesen retratar custodiando os ríos galegos; en definitiva, elementos propios dunha festa polos nosos ríos.
 
img_8859.jpgContamos tamén cos compañeiros/as e voluntarios/as do Proxecto Ríos, Juan e Amancio, que trouxeron unha exposición de pegadas de mamíferos e de invertebrados de río. Para agasallar aos asistentes regaláronse chapas con debuxos e fotos de animais e plantas dos nosos ríos. Ao regreso do roteiro iniciouse a segunda actividade: un espectáculo de malabares e maxia a cargo de Roi o Cagabolas que enfeitizou a nenos e maiores. Logo xa foi o tempo de poñerse a xantar sentados na herba e á sombra dos carballos e tileiros da zona. Ao rematar de xantar a organización ofreceu aos asistentes un anaco de bica e comezou o concerto do trío Xonxas, que foi amenizando o café cun percorrido polas músicas populares non só de Galiza, senón que tamén doutros continentes como América e Asia. Este grupo composto por violín, acordeón e clarinete, ofreceu a nota máis relaxante do día.
 
img_9087.jpgAs actividades da tarde deron comezo con dous obradoiros: un de cestería con papel e outro de pegadas de animais. Da man de Patricia, do Concello de Ames, nenos/as e maiores aprenderon a facer cestiños con papel de periódico. Outro grupo achegouse ata a praia do río Tambre para facer un molde de escaiola dunha pegada de lontra, corzo ou raposo, coa axuda de Juan e Amancio. Rematados os obradoiros, foi o turno de Anxo Moure, contacontos da Natureza, que nos agasallou coas súas viaxes imaxinativas polo medio natural galego: ríos, montes e mares foron os lugares visitados por grandes e pequenos.
 
 
img_9176.jpgPara rematar a xornada a agrupación folclórica Follas Novas realizou un obradoiro de baile, no que aprendemos a bailar dende un pasodobre, pasando polas rodas de muiñeira, ata unha polca ou unha xota. Rematado o baile e a música, puxemos fin a unha agradable xornada de celebración polos nosos ríos no que participaron máis de 150 persoas.
< Anterior   Seguinte >
go to top