Resultados da VII Limpeza Simultánea de Ríos Imprimir E-mail

adega_lugo.jpg539 persoas retiran máis de 12 Tn. de residuos na VII Limpeza Simultánea de Ríos.

Aínda que con ameaza de trebóns nalgunhas zonas de Galiza para esta fin de semana, fomos novamente moitas as persoas que nos mollamos polos ríos na VII Limpeza simultánea de ríos. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Podes ver unha escolma das fotografías da xornada AQUÍ

Tamén se pode consultar a Taboa_Resultados.pdf

quercus_sonora_reducida.jpgRecolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas e asentos de automóbiles, cristais e latas; electrodomésticos como lavadoras, frigoríficos e televisións tampouco faltaron. Apareceron tamén uralitas, roupa, calzado, envoltorios de comida do McDonald’s, parasoles, bombonas de butano... Algúns dos grupos se adicaron tamén a manter os sendeiros de pescadores.

 

 

 

gentalha_semente.jpgCalculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 12 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

 

A VII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”  celebrouse este ano en 43 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 54 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, etc.) e tamén 8 concellos que organizan directamente esta actividade en 49 treitos de río.

Debido as condicións meteorolóxicas, algúns colectivos e concellos adiaron a actividade para o próximo domingo, polo que tamén agradecemos o esforzo que supón convocar dúas veces a mesma actividade. Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para esta actividade contamos coa colaboración de Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como os concellos de A Estrada, Ames, Cambre, Carballo, Cariño, Cuntis, Fene, Gondomar, Lugo, Muxía, Poio, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Santiago de Compostela e Teo. Para levar a cabo a actuación reeditouse o protocolo de limpeza de ríos co fin de ofrecer unhas pautas sobre cómo se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Tamén se agasallou aos/ás voluntarios/as con unhas camisolas co lema da limpeza. Actualizouse a páxina web para a limpeza http://limpeza.proxectorios.org/ onde se especifica que é a limpeza, onde se celebraron, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e financiadores.

Queremos agradecer a todo o voluntariado ambiental galego o seu compromiso cos nosos ríos. Un ano máis a sociedade galega, Mollouse Polos Ríos!!

 

< Anterior   Seguinte >
go to top