Crónica do Roteirríos polo Támega Imprimir E-mail
img_0316.jpgO pasado 19 de abril deu comezo o programa de itinerarios do Proxecto Ríos Roteirríos. É un programa que pretende unir ríos e persoas, achegando os cursos fluviais á cidadanía nun ambiente lúdico así como dar a coñecer o seu patrimonio natural, cultural e social asociado. En 2015 imos xa pola oitava edición deste programa. Comezamos facendo unha visita ao río Támega ao seu paso pola vila de Verín, treito que está na Rede Natura 2000. Ás 10:30 horas da mañá démonos cita cos participantes a este primeiro roteiro na ponte que cruza o río Támega en Verín. Podes ver as fotos do roteiro na seguinte LIGAZÓN.
 
 
img_0308.jpg
Comezou o roteiro río arriba no que puidemos apreciar o estado de conservación do bosque de ribeira. As árbores, que comezan a estar no seu esplendor primaveral, acompañáronnos durante o camiño: freixos, ameneiros, salgueiros, umeiros, sanguiños e abeleiras forman un fermoso bosque de galería nas marxes do Támega. Puidemos ver tamén varias especies de aves. Esta zona do sur da provincia de Ourense é un dos lugares que máis biodiversidade albergan, merecendo estar incluída na Rede Natura 2000. Cara as 12:00 da mañá regresamos a Verín e continuamos río abaixo cada o bosque dos praceres. Durante o camiño foinos acompañando o maxestoso castelo de Monterrei, que preside toda a zona dende a súa atalaia. Puidemos apreciar na marxe esquerda do río un bosque de freixos en excelente estado de conservación, xunto con barras e illas no cauce do río que lle confire ao todo os espazo unha beleza extraordinaria. Ás 14:00 regresamos a Verín onde nos desprazamos ata unha área recreativa, xa no concello de Oímbra, á beira do Támega para xantar.
 
img_0391.jpgLogo do xantar continuamos a ruta río abaixo para coñecer máis de cerca as charcas que se formaron despois da extracción de áridos realizada por empresas da zona. Estes lugares da zona aluvial do río foron usadas durante décadas para obter area e grava con fins industriais e para a construción. A auga do río foi enchendo os buratos deixados e hoxe son zonas que acollen unha elevada biodiversidade, como puidemos apreciar. En determinadas charcas pódense ver especies de libeliñas que non se poden ver noutros lugares; a garza real, a garza imperial, garzotas, e outras aves son habitantes comúns destas zonas, así como moitas especies de anfibios, réptiles e mamíferos, constituíndo un “hot spot” de diversidade de libeliñas e hérpetos de Galicia. Malia ser unha zona dunha natureza e biodiversidade exuberante, moitas destas charcas foron e son aproveitadas para as verteduras de lixo. Segundo contaron os guías do roteiro e asistentes da zona hai lugares que son auténticos vertedoiros incontrolados de residuos, feito que puidemos comprobar in situ. Estas accións poñen en grave perigo á fauna e flora que habita nas ribeiras do río Támega. A presenza de especies exóticas invasoras é tamén unha ameaza constante que experimentan estes lugares.
 
img_0463.jpgXa de volta para a área recreativa onde xantamos, e ás sete da tarde, puxemos fin a este primeiro Roteirríos de 2015 coa participación de 20 persoas.
< Anterior   Seguinte >
go to top