Crónica do Campo de Voluntariado Ambiental do Río Tea 2015 Imprimir E-mail
img_1797.jpgDurante a pasada fin de semana, do 8 ao 10 de maio, continuaron as actividades deste proxecto que ADEGA e o Proxecto Ríos levou a cabo a través do Programa de Voluntariado en Ríos, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente –MAGRAMA– dende o ano 2007. O voluntariado leva realizando actividades no río Tea durante oito anos, sendo este o XIX campo de voluntariado que se realiza. En 2015 voltamos a contar coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. O voluntariado contou coa ferramenta axeitada para a realización das actividades de eliminación, un seguro de responsabilidade civil e accidentes colectivos, o aloxamento, manutención e actividades complementarias como un roteiro polo río Alén que serviu para coñecer máis de cerca os valores naturais que alberga a conca do río Tea. Podes ver as fotos do X Campo do Tea no Album de Google+
 
 
img_1636.jpgO campo comezou o venres 8. Unha vez chegados ao albergue Alentea e logo de instalarnos houbo dúas presentacións por parte da equipa de Proxecto Ríos, nas que se lle explicou ao voluntariado a traxectoria do Proxecto Tea, os traballos desenvolvidos dende o 2008 -ano no que comezaron as actividades de eliminación de flora exótica- así como una presentación sobre as especies exóticas invasoras e a súa problemática. Explicóuselles tamén o programa da fin de semana e a metodoloxía de traballo, as normas de seguridade, os seus dereitos e deberes, etc. Tamén se lles entregou unha carpeta con documentación sobre especies invasoras, incluídos os novos folletos editados sobre as especies exóticas que habitan nos ecosistemas acuáticos. Aproveitamos o resto da noite para coñecernos mellor e cear no albergue.
 
img_1641.jpgO sábado, despois do almorzo, recollemos a ferramenta e desprazámonos ata a zona de traballo. A primeira parada foi nas charcas artificiais que se atopan no aparcamento onde deixamos os coches. Alí xa se tiña traballado en ocasións anteriores. Na primeira charca xa retiraramos xacinto de auga (Eichhornia crassipes), fento acuático (Azolla filiculoides), cola de raposa (Myriophyllum aquaticum) e papiro (Cyperus eragrostis), e constatamos que a flora exótica presente non volveu a colonizar a charca por terceiro ano consecutivo. Na máis pequena, nutrida polo caudal da fonte construída na zona de aparcamento, a presenza de cola de raposa e fento acuático era moi abundante, sobre todo da primeira. Desta volta decidiuse non retirar a cola de raposa debido ao fracaso das accións de retirada desenvolvidas en quendas anteriores. O que si se fixo, xa pola tarde, foi unha inspección das condicións ecolóxicas das dúas charcas.
 
img_1675.jpgA continuación baixamos ao río para ver os lugares onde se traballou nos campos anteriores na eliminación de mimosa (Acacia dealbata) na principal mancha, e onde hoxe en día case non se atopan individuos da especie invasora, e onde si se identificaron numerosas especies herbáceas e arbustivas autóctonas. Organizamos ao voluntariado participante nun só grupo que comezou os traballos na zona onde en 2014 se deixara libre de A. dealbata e na que existían rebrotes. Este traballo levounos toda a mañá.
 
img_1776.jpgÁs 14:30 dispuxemos una zona para xantar á beira do río. Xa pola tarde, continuáronse os traballos na nova mancha encetada en 2014 e que non quedou completamente limpa. Comprobamos que os aneis de descortizado aplicados o ano anterior fixeron o seu efecto secando aos individuos de maior porte. Porén, a cantidade de rebrotes de raíz era moi numeroso. O voluntariado participante estivo ata as 18:30 eliminando todas estas plantas. Un grupo de cinco persoas adiantouse ao resto no regreso ao albergue e foi revisando os rebrotes nas zonas de traballo de quendas anteriores. Quitáronse desta forma 15 pes de A. dealbata, 20 de Tritonia x crocosmiiflora e 3 de Robinia pseudoacacia.
 
 
 
img_1830.jpgO domingo, despois do almorzo, reunímonos no albergue para facer unha posta en común dos traballos realizados o día anterior. Como sempre neste espazo demos pé a escoitar as propostas de mellora do grupo de voluntariado. Despois, para rematar o campo de voluntariado fomos a visitar a reitoral e a igrexa de Barciademera onde puidemos apreciar os singulares elementos arquitectónicos destes edificios. A continuación fomos ata a capela da Inquisición onde degustamos un xantar de campo para coller forzas para o roteiro que se fixo de seguido polo río Alén.
 
 
 
img_1904.jpgNesta ruta puidemos ver a flora característica que acompaña ás carballeiras termófilas que habitan nesta comarca. Puidemos tamén ver a Woodwardia radicans, fento relicto do terciario que aínda vive nestes paraxes, testemuño de épocas climáticas pasadas. Rematado o roteiro, despedímonos do grupo de voluntarios/as que participaron no campo de voluntariado do río Tea.
< Anterior   Seguinte >
go to top