Resultados da VIII Limpeza Simultánea de Ríos Imprimir E-mail
img20150927wa0039.jpgFomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na VIII Limpeza Simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
 
Pódese ver o album con algunhas fotografías da xornada: AQUI
 
Tamén se pode consultar os Datos_Limpeza_2015.pdf

calzons_no_rio.jpgRecolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, altofalantes, baterías de coche, pilas e os electrodomésticos tampouco faltaron. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado...

img20150927wa0015.jpgCalculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

A VIII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en 45 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 54 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 5 concellos que organizan directamente esta actividade. Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para esta actividade contamos coa colaboración de a Fundación Biodiversidad, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, asi como os concellos de A Coruña, A Estrada, Ames, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Muxía, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.

 Ao longo desta semana publicaremos na web da limpeza un informe cos resultados finais da actividade, asi como máis fotos que nos irán enviando os grupos participantes.

Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse polos Ríos!!

< Anterior   Seguinte >
go to top