Crónica do XI Campo de Voluntariado do Río Tea Imprimir E-mail
20160521_172013.jpgDurante a pasada fin de semana, do venres 20 ao domingo 22 de maio, continuaron as actividades deste proxecto que ADEGA levou a cabo a través do Programa de Voluntariado en Ríos, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente –MAGRAMA– dende o ano 2007. Este ano 2016 voltamos a contar coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Como noutras veces, o voluntariado contou coa ferramenta axeitada para a realización das actividades de eliminación, un seguro de responsabilidade civil e accidentes colectivos, o aloxamento, manutención e actividades complementarias como un roteiro polo río Alén que serviu para coñecer máis de cerca os valores naturais que alberga a conca do río Tea. Podes ver as fotos do XI Campo do Tea no Album de Google+
20160520_211420.jpgO campo comezou o venres 20. Combinamos na vila de Mondariz coa maioría do voluntariado e dende alí desprazámonos ata o albergue Alentea. Logo de instalarnos realizáronse dúas presentacións, nas que se lle explicou ao voluntariado a traxectoria do Proxecto Tea, os traballos desenvolvidos dende o 2008 así como a problemática que as especies exóticas invasoras xeneran sobre o medio fluvial. Houbo tamén oportunidade de que coñeceran o proxecto de Rede Galega de voluntariado ambiental para a identificación e localización de EEI da plataforma biodiversidade.eu. Explicóuselles tamén o programa da fin de semana e a metodoloxía de traballo, as normas de seguridade, os seus dereitos e deberes, etc. Tamén se lles entregou unha carpeta con documentación sobre especies invasoras. Aproveitamos o resto da noite para coñecernos e cear no albergue, desfrutando da marabillosa cociña de María e Josu.
 
20160521_094734.jpgO sábado, despois do almorzo, recollemos a ferramenta e desprazámonos ata a zona de traballo. A primeira parada foi nas charcas artificiais que se atopan no aparcamento onde deixamos os coches. Alí xa se tiña traballado en ocasións anteriores. Na primeira charca xa retiraramos xacinto de auga (Eichhornia crassipes), fento acuático (Azolla filiculoides), cola de raposa (Myriophyllum aquaticum) e papiro (Cyperus eragrostis), e constatamos que a flora exótica presente non volveu a colonizar a charca por cuarto ano consecutivo, mais atopáronse varios pes de garrapatón (Bidens frondosa) que foron eliminados. Nesta charca fíxose unha pequena recollida de fauna para amosar a súa diversidade. Na máis pequena, nutrida polo caudal da fonte construída na zona de aparcamento, foi desecada polo persoal de conservación da natureza para retirar as plantas invasoras.
A continuación baixamos ao río para ver os lugares onde se traballou nos campos anteriores na eliminación de mimosa (Acacia dealbata) na principal mancha, e onde hoxe en día case non se atopan individuos da especie invasora, e onde si se identificaron numerosas especies herbáceas autóctonas.
 
20160521_115611.jpgLogo, fomos camiñando río abaixo. Nunha das zonas de traballo dos anos pasados, nun afloramento rocohso á beira do río, quedaron 5 voluntarios/as repasando os brotes de A. dealbata que aínda medraban; o resto continuou ata a seguinte mancha, xa con máis individuos. Reagrupouse o voluntariado para rematar nesta última zona, e achegámonos ata o lugar no que se remataron os traballos no campo de 2015. Alí, nunha zona con moita area, os rebrotes de A. dealbata e A. melanolylon eran máis numerosos.
Ás 14:30 dispuxemos una zona para xantar á beira do río onde demos boa conta dos bocadillos e froita preparados por Josu e Mari.
Xa pola tarde, o grupo desprazouse para coñecer a zona de traballo do bambú (Phyllostachys sp.), que quedou completamente limpa desta perigosa especie invasora. Neste lugar elimináronse 7 exemplares de Robinia pseudoacacia. Nunha zona próxima, localizáronse 5 pequenos pés de bambú plantados, probablemente, ao carón dunha fonte construída recientemente no lugar. O grupo de 17 voluntarios/as traballaron duramente levantando raíces, sachando, serrando, arrincando e recollendo os restos das mimosas. A maioría dos restos retirados non tiñan perigo de rebrote, polo que deixamos amoreada moita materia vexetal á beira do camiño. Deixouse así limpa a zona de mimosa e acacia negra. A delegación provincial de Consrvación da Natureza estivo traballando, nas semanas previas ao campo, sobre os individuos máis grandes destas especies, aplicándolles glifosato de forma localizada. Grandes acacias estaban completamente secas cando chegamos ao río, mais rebrotaran con forza de raíz, e foi o traballo que desenvolveu o voluntariado.
Ás 17:00 desprazámonos de volta aos coches xa que ameazaba choiva e tormentas.
 
20160522_110250.jpgÁ mañá seguinte, tras almorzar, reunímonos no albergue para facer unha posta en común dos traballos realizados o día anterior. Como sempre neste espazo demos pé a escoitar as propostas de mellora do grupo de voluntariado. Despois, para rematar o campo de voluntariado fomos a visitar a reitoral e a igrexa de Barciademera. Alí Josu ilustrounos sobre os elementos arquitectónicos máis salientables destes edificios. A continuación fomos ata a capela da Inquisición onde degustamos un xantar de campo para coller forzas para o roteiro que se fixo de seguido polo río Alén. Puidemos ver a flora característica que acompaña ás carballeiras termófilas que habitan nesta comarca. Puidemos tamén ver a Woodwardia radicans, fento relicto do terciario que aínda vive nestes paraxes, testemuño de épocas climáticas pasadas.
Rematado o roteiro, despedímonos do grupo de voluntarios/as que participaron nos XI campos de voluntariado do río Tea.
< Anterior   Seguinte >
go to top