Voluntariado Ambiental para a Eliminación de EEI no río Limia Imprimir E-mail
dscn1323.jpgADEGA convoca unha actividade de voluntariado ambiental que se celebrará o sábado 24 de setembro. A xornada realizarase nun lugar de importante valor ecolóxico como é o río Limia e a contorna da Lagoa de Antela que forman parte do ZEC Baixa Limia.
ADEGA asinou en 2016 un convenio de coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza para desenvolver un programa de educación, divulgación e voluntariado ambiental que contempla actuacións centradas na conservación de especies e hábitats na xeografía galega e na loita contra as especies exóticas invasoras. A introdución de especies exóticas invasoras é, despois da destrución de hábitats, a ameaza máis importante na perda de biodiversidade e unha das principais causas de extinción de especies autóctonas. ADEGA leva anos traballando nesta temática, é por iso que unha vez máis organiza esta xornada dando á cidadanía a oportunidade de actuar con iniciativas de custodia no medio fluvial.
Pódese consultar a crónica da actuación do pasado ano: Crónica Limia 2015
 
As prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse:
Teléfonos: 981 57 00 99 / 619 672 038
 
 
dscn1360.jpgA actividade do 24 de setembro estará centrada na eliminación e control da Ludwigia grandiflora, especie acuática que está colonizando o cauce do Limia. Esta actuación continúa os traballos desenvolvidos pola delegación de conservación de Ourense en 2014 e do voluntariado de ADEGA en 2015.
Para esta actividade o voluntariado contará con seguro de responsabilidade civil e de accidentes. A xornada comezará o sábado pola mañá. Tras a recepción do voluntariado e dunha pequena introdución á problemática ambiental das invasoras, comezarán os traballos de campo, para os que o voluntariado contará coa ferramenta apropiada. Haberá un descanso para a comida (gratuíta para os participantes) e unha segunda sesión de traballo durante a tarde. O voluntariado poderá coñecer este magnífico espazo natural e axudar á súa conservación.
< Anterior   Seguinte >
go to top