Crónica do XXIV Curso de Formación Imprimir E-mail
img_3085.jpgO pasado sábado, 1 de outubro, celebramos o curso de outono do Proxecto Ríos, que xa vai pola súa vixésimo cuarta edición, na estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa. Os/as participantes fóronse acomodando ao redor das once da mañá, e un cuarto de hora máis tarde daba comezo o curso de formación cunha pequena introdución ao proxecto ríos de cargo de Paco Bañobre, que falou sobre as actividades previstas para o último trimestre deste ano 2016 e daquelas actividades desenvolvidas durante os meses anteriores. Podes ver as fotos da xornada nesta LIGAZÓN.

A continuación foi Cosme Damian Romay Cousido (UDC/Grupo Naturalista Hábitat) quen realizou unha charla sobre “As aves dos ríos galegos”, onde puidemos coñecer da súa man as especies máis representativas dos nosos ríos, aprendendo sobre a súa identificación (morfolóxica e sonora) e do seu estado de conservación. Grazas a súa charla tivemos un reflexo da gran diversidade de hábitats dos ríos galegos así como da importancia da súa conservación, xa que neles residen numerosas especies de aves relevantes para a avifauna galega.

A continuación dispúxose un xantar comunitario nas instalacións da estación.

img_3115.jpgLogo da sobremesa, e xa en compañía do director da estación, Rufino Vieira, puxemos rumbo ao río Con, moi preto da estación. Alí, fixemos dous grupos para poder desenvolver a inspección con maior comodidade en dous puntos diferentes. Encabezaba un deles o propio Rufino; o outro por Ramsés Perez e Virginia Rodríguez. Cada un situouse nun treito, e tras introducirse na auga, foron capturando no trueiro os macroinvertebrados, para posterior clasificación e observación no laboratorio.

img_3151.jpgTras o proceso de clasificación por familias, foi Rufino o encargado de precisar a través dunha lupa e dun proxector, as principais características propias de cada un dos exemplares, curiosidades da súa morfoloxía, hábitos e hábitats que soen frecuentar.

Finalizado o último exemplar, chegou o momento da despedida, coa vontade de nos ver de novo na próxima campaña. Participaron nesta xornada 24 persoas.

< Anterior   Seguinte >
go to top