Limpezas de río

A crecente sensibilización da cidadanía fronte á degradación ambiental ten levado a moitas persoas e entidades a organizar limpezas de río. Malia que xa case ninguén contempla o río como un vertedoiro, aínda queda moito lixo neles.

En ocasións, os refugallos tirados ao río non representan un perigo para o ecosistema, pero si supoñen un impacto visual negativo (papeis, plásticos, madeiras, etc.). Noutras ocasións, os materiais depositados poden supoñer unha fonte de contaminación, debido ás sustancias que as compoñen (pilas, aceites de coche, baterías, produtos fitosanitarios, etc.) ou ben porque poden provocar alteracións en certos organismos (vidro, chatarra, etc.).

Qué debemos ter en conta

  • A limpeza será unha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social
  • Levade calzado e roupa resistentes.
  • Empregade luvas e calzado (botas, zapatos de deporte…) para evitar feridas: entre o lixo pode haber botellas de vidro rotas, chatarra, etc.
  • Recollede o lixo en bolsas grandes e resistentes, de tea ou de plástico.
  • Dividide o treito en anacos para traballar por zonas, e se sodes un grupo numeroso facede grupos de 2 ou 3 persoas por treito.
  • En caso de atopar aceites de coche e outros residuos líquidos, fai falla ir con moito coidado e non facer misturas de produtos.
  • Tentade separar os diferentes tipos de lixo para posteriormente depositalos nos contedores correspondentes e así favorecer a súa reciclaxe.
  • Nunca poñades en risco a vosa saúde: é máis importante a vosa vida que a do material a retirar.
  • Facede fotos da limpeza e de todo o lixo recollido e divulgade a vosa acción nos medios de comunicación.
  • Limpade o material empregado (botas, roupa, sachos…), especialmente se o ides empregar de novo noutro río, xa que podedes estar dispersando sementes de flora exótica invasora ou, no caso de anfibios, transmitindo enfermidades
  • O concello facilitará un sistema de transporte para recoller o lixo que almacenaremos nalgún lugar accesible para eles.

Podes descargar o Protocolo de Limpeza nesta ligazón: PDF Protocolo de actuación