A custodia fluvial é unha modalidade de custodia do territorio dirixida aos diferentes actores que participan na xestión dos ecosistemas fluviais e acuáticos (ríos, lagoas, zonas húmidas, charcas) co interese en participar de forma activa na súa protección, conservación e mellora. Para iso promove acordos voluntarios entre entidades de custodia, administración públicas, propietarios privados e, en ocasións, con persoas voluntarias como regantes e pescadores.
A custodia fluvial e o voluntariado ambiental soen ir da man, xa que é común que haxa actividades que serven para acercar e implicar a cidadanía cos sistemas hídricos, un dos piares fundamentais de Proxecto Ríos.
Dende o Proxecto Ríos desenvolvéronse varias iniciativas de custodia fluvial que se resumen a continuación:
Proxecto Tea
En outubro de 2007, coa metodoloxía do Proxecto Ríos, realizouse, grazas ao voluntariado ambiental en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, unha análise do río Tea e as súas marxes, na que se obtivo unha diagnose do estado do río e unhas pautas de actuación para desenvolver no período 2008-2014.
Atopáronse diferentes impactos coma lixo, verteduras e presenza de especies exóticas invasoras, mais decidiuse centrar as actividades nas especies exóticas invasoras, desenvolvendo accións dirixidas a divulgar esta problemática e probando métodos de eliminación.
Con esta finalidade, realizouse unha ficha estandarizada para anotar os traballos e os resultados, coa fin de avaliar a eficacia e idoneidade do método e da ferramenta empregada ou a mellor época para cada especie. Dende 2007, realizáronse, con tal motivo, diversas actividades como campos de voluntariado para a sensibilización e eliminación de especies exóticas invasoras, itinerarios guiados, limpezas de río e descensos en kaiak.
Algunhas destas actividades séguense realizando dende o 2014 dun xeito menos activo que nos primeiros anos. A eliminación da flora exótica invasora continúa grazas a organización de campos de voluntariado no espazo custodiado.
Como resultado global obtívose a participación de máis de 400 persoas voluntarias e a retirada de máis de 5 toneladas de especies exóticas invasoras.
Proxecto Tea. Arrincando de Raíz
Proxecto nas bacías do Ulla-Umia-Lérez
O proxecto de Custodia Fluvial Ulla, Umia e Lérez é unha iniciativa que comezou no 2010 da man de ADEGA que contou con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e o AGADER. Desenvolveuse no Grupo de Desenvolvemento Rural 20 que engloba os concellos de Caldas de Reis, A Estrada, Catoira, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures e Valga.
Durante as primeiras fases do proxecto, asociacións e entidades participaron en diferentes actividades nos ríos dos seus concellos para achegárense aos valores tanto positivos coma negativos dos ecosistemas fluviais. As asociacións con maior iniciativa presentaron propostas de proxectos a nivel local para poñer en valor os seus ecosistemas fluviais, tendo como resultado os seguintes proxectos de diferente temática:
Muíños e Camiños na bacía do Ulla (A Estrada)
Proxecto que pon en valor os antigos roteiros fluviais en tres afluentes do Ulla (Río Liñares, Río Vega e Rego Godoi).
Realizáronse traballos de eliminación de especies invasoras e plantación de especies autóctonas de ribeira, dando como resultado á apertura dun antigo camiño, a pesquisa dun antigo lavadorio cuberto por vexetación, a recuperación dun pequeno roteiro que conectaba varios muíños da zona e a posta en valor dun antigo lugar onde se lavaba o liño.
Arredor da Auga (Cuntis)
Proxecto que pon en valor o patrimonio etnográfico fluvial do concello ao seu paso pola vila do Baño así como no lugar de Meira.
Coa axuda de canteiros levantáronse os antigos pasos facendo así posible cruzar o río Gallo, ademais tamén se puxo en valor os singulares lavadoiros fluviais deste río.
Pesca sostible na bacía do Lérez (Forcarei)
Proxecto desenvolto no concello de Forcarei por iniciativa e colaboración de varias entidades coma a Sociedade de Caza e Pesca de Forcarei, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Presqueiras, a Asociación Cultural Pataqueiros de Millerada e a Asociación de Mozos/as de Forcarei.
Consta de dúas partes diferenciadas cun obxectivo en común: conservar as poboacións piscícolas do Lérez e os seus afluentes.
- Creación dun Tramo de pesca sen morte na parte alta do río
- Recuperación de levadas de muíños, habilitando lugares de descenso e alevinaxe para especies de peixes da zona.
Manual Custodia fluvial nas bacías Ulla Umia Lérez
Proxecto O Sobreiral do Arnego
Este proxecto iniciado en marzo de 2016 cun acordo cos donos da parcela, A Zarra da Pena, coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Xunta de Galicia, conta con diversas accións coordinadas por ADEGA, como o inventariado de flora e fauna, recuperación de elementos naturais e etnográficos así como actividades de voluntariado ambiental.
Os Sobreirais do río Arnego constitúen un espazo natural que está incluído dentro da proposta da Rede Natura 2000 localizado nos municipios de Agolada, Lalín e Vila de Cruces (Pontevedra).
As actividades máis recentes foron a plantación de 50 sobreirais co alumnado do CEIP Xoaquín Loriga de Lalín, as instalacións de caixas de morcegos coa participación do biólogo experto no estudo e seguimento de mamíferos, Xosé Pardovila da empresa SOREX, ademais do seu periódico rastrexo e a restauración dun valado de pedra da parcela.
Na actualidade séguense facendo certas actividades de custodia como a instalación de refuxios e o seguimento de morcegos utilizándoos como indicadores da calidade da auga dos bosques de ribeira. Tamén se reconstruíron valados pétreos tradicionais que dividen as fincas, xa que estes compren un destacado papel biolóxico, onde a flora e fauna se asentan conseguindo refuxio e alimento entre as pedras.
Nestes dous últimos anos tamén se realizou a edición de dous paneis interpretativos, ademais da creación dun roteiro autoguiado.