As saídas formativas son sesións de traballo teórico-práctico que se desenvolven a pé de río con aqueles grupos que non puideron asistir aos cursos de formación ou que, aínda que o fixeran, demandan unha formación máis personalizada. As saídas formativas pódense facer cun ou varios grupos dunha mesma bacía. Nelas realízase unha inspección guiada por unha educadora ambiental do Proxecto Ríos e resólvense aquelas dúbidas que poidan ter as persoas participantes sobre o procedemento de inspección.
Ao longo destes anos realizáronse máis de 1.000 saídas formativas con grupos de diferentes ámbitos: de formación regrada como escolas, institutos e universidades e tamén con asociacións culturais e ambientalistas, asociación de pescadores e pescadoras, grupos de voluntariado municipal, etc.

