O sábado 29 de outubro do 2018 celebrouse o XXVIII Curso de Formación do Proxecto Ríos, que tivo lugar na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con en Vilagarcía de Arousa. Esta xornada desenvólvese co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e metodoloxía que emprega a aqueles participantes que inician a súa participación. Amosáronse no curso as experiencia educativas que están a ter lugar en centros que xa están adheridos ao proxecto desde hai tempo.
Os/As participantes da xornada chegaron un pouco antes das once e fóronse acomodando no salón de actos onde deu comezo o primeiro acto, no cal Paco Bañobre presentou o proxecto e deu a coñecer as actividades que se levarán adiante durante a campaña de outono. Ás doce tivo lugar o segundo relatorio a cargo de Camilo, Xesus e Marcos, quenes, un a un, foron explicando a experiencia no Proxecto Ríos dos centros educativos onde traballan: CPI Mosteiro-Meis, CIFP Portovello e CRA de Meis; para finalizar esta presentación os tres representantes dos centros deron a coñecer as xornadas de convivencia e actividades que levaron a cabo de forma conxunta, fomentando a aprendizaxe e intercambio entre estudantes e profesorado e falaron sobre “A Escola do Rio”, proxecto común que nace por mor da participación no Proxecto Ríos.
Ao redor das dúas e media, tivo lugar a comida no comedor da Estación de Hidrobioloxía con todos os participantes da xornada.
Ás catro da tarde, realizouse a saída ao río Con, guiada polo Xefe da Estación Rufino Vieira. Alí dispuxémonos nunha zona de fácil acceso ao río, onde Rufino explicou de forma detallada a metodoloxía correcta para a toma de mostras de macroinvertebrados. Algúns participantes equipáronse con botas de auga para poder acceder ao río e tomaron varias mostras para posteriormente facer o recoñecemento nas instalacións da Estación.
De volta ás instalacións da estación os participantes dispuxéronse a separar os macroinvertebrados atopados. Por último e para finalizar a xornada, Rufino coa axuda dunha lupa e un proxector foi mostrando exemplares de cada familia e explicando con detalle a súa morfoloxía, hábitat e outras curiosidades.