A pasada fin de semana do 22 ao 24 de marzo tivo lugar o vixésimo segundo campo de voluntariado para a eliminación da flora exótica invasora na contorna do río Tea. Neste campo centrámonos na eliminación da especie invasora Acacia dealbata cuxa presenza nas beiras deste río é moi abundante. Coa axuda das 20 persoas voluntarias que participaron nesta xornada conseguimos eliminar os rebrotes das zonas nas que se traballou en anteriores xornadas así como despexar unha nova área, unha pequena illa de preto de 800 m2.
A xornada comezou o venres 22 en Mondariz onde nos reunimos co posterior traslado ata o albergue Alentea en Covelo onde nos hospedamos durante a xornada. Alí, Paco Bañobre e Ramsés Pérez, impartiron unha charla informando sobre a problemática das especies exóticas invasoras así como a situación pasada e actual do río Tea con relación a estas e os traballos realizados estes últimos dez anos.
Na mañá do día seguinte desprazámonos ata o Foxaco, a medio camiño entre Covelo e Mondariz, por onde discorre o río Tea atravesado polos marabillosos e máxicos Pasos de Tantín, construcións formadas por máis dunha vintena de pedras coidadosamente talladas e colocadas que nos permiten atravesalo río dunha beira a outra.
Despois dunha camiñada ao longo do río chegamos a primeira das zonas intervidas en anos pasados. Esta estivo completamente inzada por manchas de Acacia dealbata, e alegrounos ollar a ausencia de rebrotes e a presenza da flora autóctona comezando a repoboar a zona, deixando ao descuberto unha pequena praia fluvial. Esta mesma situación repetiuse en diferentes puntos a medida que continuabamos a nosa andaina ata chegar a dúas zonas con presenza de rebrotes. Ao carón dunha destas zonas había tamén unha insua con exemplares de acacia polo que dividimos o grupo en dous, actuando cada un nunha zona.
O proceso de eliminación da Acacia dealbata consistiu en arrancar a planta de raíz, eliminando a maior raíz posible, ou realizando un anel de descortizado (eliminar parte da cortiza do tronco en forma de anel para promover o secado da planta e, finalmente, a súa morte) naqueles exemplares de maior porte. A xornada durou todo o día, regresando contentos do traballo realizado. Ademais puidemos observar noutra zona tratada anteriormente pola presenza de manchas de falso bambú (Phyllostachys sp), o mesmo resultado que os anteriores, a completa ausencia desta especie en detrimento da flora autóctona, observando así como as nosas actuacións dan o seu froito.
En canto ao o domingo, para rematar, fixemos unha pequena posta en común da xornada para logo disfrutar dunha ruta pola Rectoral de Barciademeda e o río Alén.
O roteiro de Alén, incluído dentro da rede natura 2000, destaca polo seu bosque de ribeira de amieiro (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus angustifolia) e unha carballeira termófila caracterizada polo carballo (Quercus robur) e o loureiro (Laurus nobilis), un dos bosques máis ameazados de Galicia. Nel puidemos gozar do noso Patrimonio Natural como foi a dun miñato común (Buteo buteo) e un azor común (Accipiter gentilis) en plena disputa por unha pomba que cazara este último. Observamos tamén multitude de fauna autóctona como foron un xuvenil de cobra de colar (Natrix astreptophora), ra dos regos ou patilonga (Rana iberica), tritón común (Lissotriton boscai) ou un Carabus gallicianus. Un paseo que completou un fin de semana de traballo, descuberta e conservación da nosa biodiversidade natural.