O sábado, 26 de setembro, celebrouse a trixésimo primeira edición das xornadas de formación do Proxecto Ríos correspondente a campaña de outono, na Estación Hidrobiolóxica do Encoro do Con (EHEC), en Vilagarcía de Arousa.
Recibíronse ás/ós participantes ao redor das once da mañá e as once e cuarto comezou a presentación da xornada formativa cunha introdución ao Proxecto Ríos a cargo de Ramsés Pérez. Nesta introdución comentouse a situación do Proxecto Ríos nos actuais tempos de pandemia e as actividades previstas para a campaña de outono, así como as que se realizaron durante os primeiros 8 meses de 2020.
A continuación, Xosé Pardavila de Sorex presentou a súa conferencia “Rastros e pegadas de mamíferos nos ríos galegos” onde falou das diferentes especies de mamíferos que podemos atopar nos cursos fluviais e como identificar os seus rastros.
Ás 14:30h todas/os as/os integrantes do curso xantamos conxuntamente nas instalacións da EHEC, sempre respectando as distancias de seguridade.
Ás 16h iniciamos o noso percorrido ata o río do Con, preto da EHEC, para facer unha mostraxe e identificación dos macroinvertebrados no leito do río coa colaboración de Rufino Vieira, xefe da Estación Científica. Nun mesmo treito elixiuse diferentes zonas (con abundancia de follas, de pedras e de arena) para facer que a mostra de treito presentara o maior número de especies posible. Identificáronse os organismos coa axuda das fichas de identificación do Proxecto Ríos.
Posteriormente, nas instalacións da estación, fíxose unha observación máis exhaustiva por parte dos participantes, para observar as distintas estruturas e para mellorar a súa comprensión das distintas especies de
macroinvertebrados.
Ás 19 horas deuse por concluído o curso, no que participaron 17 persoas.