
A fin de semana do 20 ao 22 de maio tivo lugar outra quenda dos campos de voluntariado para a eliminación da flora exótica invasora na contorna do río Tea. Neste campo centrámonos na eliminación das especies invasoras Acacia dealbata e A. melanoxylon, Phytolacca americana e Crocosmia x crocosmiiflora cuxa presenza nas beiras deste río é abundante. Coa axuda das 12 persoas voluntarias que participaron nesta xornada conseguimos eliminar os rebrotes das zonas nas que se traballou en anteriores xornadas.
Este proxecto conta coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño – Sil.
A xornada comezou o venres 21 en no albergue Alentea en Covelo onde nos hospedamos durante a xornada. Alí, Paco Bañobre impartiu unha charla informando sobre a problemática das especies exóticas invasoras así como a situación pasada e actual do río Tea con relación a estas e os traballos realizados estes últimos quince anos.


Na mañá do sábado desprazámonos ata o Foxaco, a medio camiño entre Covelo e Mondariz, por onde discorre o río Tea e cruzamos polos Pasos de Tatín.
Despois dunha camiñada ao longo do río chegamos a primeira das zonas intervidas en anos pasados. Esta estivo completamente inzada por manchas de Acacia dealbata, e alegrounos ollar a ausencia de rebrotes e a presenza da flora autóctona comezando a repoboar a zona, deixando ao descuberto unha pequena praia fluvial. Esta mesma situación repetiuse en diferentes puntos a medida que continuabamos a nosa andaina ata chegar a dúas zonas con presenza de rebrotes.
O proceso de eliminación da Acacia dealbata e A. melanoxylon consistiu en arrancar a planta de raíz, eliminando a maior raíz posible, ou realizando un anel de descortizado (eliminar parte da cortiza do tronco en forma de anel para promover o secado da planta e, finalmente, a súa morte) naqueles exemplares de maior porte. A xornada durou todo o día, regresando contentos do traballo realizado. Neste lugar foron eliminados varios pes de R. pseudoacacia.

O domingo, para rematar, fixemos unha pequena visita á Rectoral de Barciademeda e o río Alén.
O roteiro do Alén, incluído dentro da rede natura 2000, destaca polo seu bosque de ribeira de amieiro (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus angustifolia) e unha carballeira termófila caracterizada polo carballo (Quercus robur), loureiros (Laurus nobilis), silbardeiras (Ruscus aculeatus) e outra flora acompañante típica destas carballeiras, Un paseo que completou un fin de semana de traballo, descuberta e conservación da nosa biodiversidade natural.

