Fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na XV Limpeza Simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
O domingo 25 de setembro de 2022 realizouse a XV Limpeza Simultánea de Ríos en 41 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais, centros de ensino e concellos, chegando ás 62 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Gondomar, Santiago de Compostela, Tomiño ou Verín, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 51 treitos de río e participaron 948 persoas.
Neste ano continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións culturais, xuvenís, ecoloxistas, centros de atención á diversidade, scouts… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2022 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles, e outros voluminosos.
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos… Apareceron rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, unha valla de sinalización, entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc… As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras.
Algunha das entidades participantes, como a Asociación para a Defensa do Val do Liñares, notificaron a presenza dun vertedoiro no río Freán.
No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 8 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.