O Proxecto Ríos organizou o pasado 26 de outubro un roteiro pola beira do río Lérez. Foi un roteiro lineal cuxo inicio foi na Illa das Esculturas e o final a ITV de Bora. Fomos un grupo de dez persoas, tivemos varias baixas de ultima hora por catarros e pola previsión do tempo que era moi inestable. Mais tivemos moita sorte, puidemos completar o roteiro sen choiva, incluso puidemos gozar dalgunha raiola de sol. Iso si, o terreo estaba enchoupado e escorregadizo polo que unhas boas botas foron necesarias.
Unha das temáticas do roteiro foron as especies exóticas invasoras que lamentablemente no seu inicio puidemos recoñecer prácticamento todo o catalogo de plantas; Acacia negra, mimosa, robinea, tradescantia, herba das bolboretas, herba da pampa e eucalipto entre outras. Tamén explicamos os traballos de eliminación de flora invasora que se están levando a cabo, puidemos ver os aneis das acacias e como van secando. Por sorte a medida que subimos polo río a flora da ribeira torna en especies autóctonas dotando de gran beleza ao lugar. Neste lugar habita o picapeixe, fomos testemuñas da súa presencia, deixouse ver durante uns segundos. Tamén hai presenza de mexilón de río, que son especies a protexer e que están a punto de sofrir unha nova agresión. Para esta zona está proxectado o paso da autovía A-57 agora en construcción, que de conseguilo perderiase unha enorme biodiversidade. A este roteiro asistiron persoas da plataforma Stop A-57/ Salvemos o Lérez que nos sinalaron o punto exacto onde iría o pilar do viaducto, apreciase o gran traballo que levan facendo para salvar este lugar. Son boas coñedoras da contorna, ensináronnos os muiños de vran e muiños de inverno e fixéronnos gozar con historias e lendas desde recuncho.
Neste percurso tamén se capta auga para dar de beber a toda a poboación de Pontevedra e concellos limítrofes, augas arriba hai un segundo encoro onde se capta auga para abastecer a ENCE. Ambas presas están dotadas nunha escada para facilitar a subida dos salmóns que aínda que están en claro retroceso, neste río aínda hai presenza. De feito no encoro de Bora captúranse salmóns e reprodúcense en cautividade na piscifactoria de Carballedo no río Almofrei, afluente do Lérez. Isto forma parte dun proxecto de recuperación do Salmón a nivel europeo, razón pola cal ainda se debería protexer máis este lugar, xa que para a recuperación dunha especie a conservación do hábitat é fundamental.
Xa vedes que estes escasos 6 km deron para moitisimo, asi tardamos 4 horas en percorrelo, estivemos moi a gusto. É unha enorme sorte poder gozar deste paraxe natural tan perto da cidade, son verdadeiros pulmóns que debemos coñecer, respectar e protexer.