O domingo 21 de setembro celebraremos a XVIII Limpeza Simultánea de Ríos
Esta actividade busca concienciar a sociedade sobre a importancia de manter os nosos ríos libres de lixo, unha condición imprescindible para garantir a súa saúde e preservar a súa biodiversidade.
Un ano máis, convocamos os grupos do Proxecto Ríos a sumarse a esta xornada de implicación ambiental. A chamada tamén vai dirixida ao conxunto da sociedade: asociacións, centros de ensino, concellos e todas aquelas persoas que desexen colaborar na protección dos nosos cursos fluviais.
Se queres participar, escribe un correo a mollatepolosrios@proxectorios.org e indícanos a seguinte información:
- Nome que queredes que apareza no cartaz final da Limpeza (Ex. Asociación Ecoloxista ADEGA).
- Concello e río no que se vai realizar a limpeza.
- Contacto – preferiblemente dirección de correo electrónico – para engadir no cartaz e que outra xente poida anotarse, no caso de que non se trate dun grupo pechado.
- Dirección postal actualizada e teléfono de contacto para remitir ao transportista e que poidamos enviarvos as camisolas de agasallo, que serán repartidas equitativamente entre todos os grupos de participantes.
DATA LÍMITE para inscribirse: martes, 9 de setembro.
Pódese consultar toda a información en: https://limpeza.proxectorios.org
Actividade financiada por: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Deputación da Coruña.
