O sábado 19 de outubro tivo lugar a segunda edición do curso de formación de outono ao abeiro das axudas de Augas de Galicia para a Demarcación hidrográfica Galicia- Sur. Este curso tivo como eixo central a custodia do territorio e o anfitrión foi o Couto da Eirexinha: entidade de custodia que traballan nos montes en mancomún de Rebordelo. Cedéronnos o espazo A Casa do Pobo para impartir o curso e explicáronnos as labores de deseucaliptización e desacaciación que están levando a cabo, así como plantacións de floresta autóctona e a recuperación dunha charca para fomentar a biodiversidade na contorna. A partir de agora tamén forman parte do voluntariado do Proxecto Ríos.
A continuación presentamos os materiais do Proxecto Ríos e explicamos brevemente o funcionamento e, como non hai nada mellor que a experiencia práctica, a pesares da choiva que nos acompañou toda a xornada, saímos ao río Almofrei na procura de macroinvertebrados. Unha vez feita a recollida voltamos ao local para proceder a súa identificación.
Contamos coa participación de Yasmina Barciela e Alejandro Polina entomólogos do grupo de bioloxía ambiental da Universidade de Vigo que nos explicaron como diferenciar as distintas familias e a súa importancia como bioindicadores.
Tivemos unha participación menor, 10 persoas, por mor das condicións meteorolóxicas, mais foi unha xornada de gran aproveitamento, tal e como foi manifestado polas persoas participantes que fixeron unha moi boa valoración. Xurdiron catro novos grupos de voluntariado nos ríos que aumentan o caudal do Proxecto Ríos na demarcación de Galicia Sur.