O pasado 27 de outubro tivemos a oportunidade de coñecer de preto a biodiversidade e a beleza natural da Serra do Suído. O punto de encontro foi na área recreativa da Airoa ás 9:45h da mañá para comezar a camiñata ás 10h. O día comezou con escasa visibilidade pola brétema e cunha sensación térmica completamente invernal, máis ao mediodía xa lucía o sol e rematamos o roteiro con temperaturas case veraniegas.
O primeiro que vimos foi a forza da auga na espectacular fervenza de Casariños, seguimos camiñando cara o alto da Serra, cruzamos o río do mesmo nome e atopámonos cunhas estruturas de pedra. O guía de montaña, Julio Eiroa, explicounos que eran antigos chozos dos pastores. Os chozos son unhas construción de pedra circulares que servían de refuxo aos pastores, alguns deles estaban acompañados de curros, onde tamén se refuxiaba o gando polas noites e evitar ataques de lobo. Pastores e gando pasaban meses nos pastos da Serra. Aínda que hoxe en día, estes chozos están en desuso, permanecen como parte do patrimonio cultural e histórico da zona, reflexo dunha vida ligada á terra e ao gando que caracterizou a economía da serra durante séculos.
A continuación cruzamos o río Home, perto do nacemento, nun lugar espectacular onde predominan as turbeiras que están protexidas porque son sumidoiros naturais de carbono. Regulan o ciclo da auga, son como esponxas naturais prevenindo inundacións e mantendo un fluxo constante de auga nas bacías dos ríos. As turbeiras, tamén son fonte de biodiversidade xa que albergan unha gran variedade de especies adaptadas a condicións extremas de acidez e baixa dispoñibilidade de nutrientes, como as Droseras por exemplo.
Seguimos o camiño cara o cumio da montaña, dende ali as vistas son espectaculares. A paisaxe de turbeira tornouse en grandes bolos graníticos, visitamos a pedra de abalar e Julio contounos historias de ladróns de gando que procuraban refuxo entre estas rochas, seica a Pepa a Loba tamén andivo polos montes do Suído.
Para rematar baixamos polo val do Xesta, rodeamos e fixemos parte do camiño polo que iniciamos a ruta. O patrimonio natural e cultural desta Serra é inmenso, estas deberian ser razóns de máis para aumentar a protección deste espazo e evitar agresións como a construccións de polígonos eólicos, que por desgraza xa conta con varios e hai amezanas de novos proxectos que agardamos que non vaian adiante.
Esta actividade foi financiada por Augas de Galicia