O pasado sábado, 27 de abril, celebramos o curso de primavera do Proxecto Ríos, que xa vai pola súa vixésimo novena edición, na estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa. Os/as participantes fóronse acomodando ao redor das once da mañá, e un cuarto de hora máis tarde daba comezo o curso de formación cunha introdución ao Proxecto Ríos a cargo de Paco Bañobre, que falou sobre as actividades previstas, os materiais que se editaron a comezos de ano e o estado do Proxecto Ríos.Podes ver as fotos da xornada nesta LIGAZÓN.
Logo, comezaron a presentación dos proxecto europeos nos que participará o Proxecto Ríos nos vindeiros anos en colaboración con diferentes entidades. Comezou David Nachón, investigador da EHEC presentado o proxecto DiadES sobre peixes migradores que conta coa financiación do fondo rexional europeo Interreg Atlantic Area. Este proxecto, liderado por un centro de investigación francés, pretende avaliar o estado das poboacións de peixes migradores nos ríos que desembocan no arco atlántico, dende Portugal ata Irlanda, establecendo os servizos ecosistémicos que ofrecen estes peixes e predecir a súa evolución no escenrio de mudanza climática actual.
A continuación, e despois dun pequeno descanso, deuse paso á charla marco, que foi desta volta unha conferencia a cargo de Fernando Cobo, Director da Estación de Hidrobioloxía e profesor titular da USC. Versou a conferencia sobre diversas nocións e conceptos das especies exóticas invasoras no marco dun proxecto LIFE, INVASAQUA, no que está a participar a USC coa colaboración do Proxecto Ríos.
Para rematar a xornada da mañá, Itzíar Díaz, compañeira de ADEGA presentou o proxecto Living Rivers no que se pretende desenvolver unha acción educativa arredor dos ríos en con diferentes países europeos, dentro dos programas Erasmus+.
Ás 14:30 xantamos conxuntamente nas instalacións da estación.
Xa as 15:30, desprazámonos ata o río Umia para realizar unha actividade de pesca eléctrica co equipamento da EHEC. Alí no río capturáronse diferetens especies de peixes: troitas, espiñentos, tenca, anguía e lamprea. Puidéronse observar perfectamente despois de anestesialos lixeiramente. Puidemos así observar con todo detalle a morfoloxía de cada unha das especies. Logo da súa identificación e observación os exempplares foron devoltos ao río sen sufrir ningún dano.
Aproveitouse tamén para facer a recollida e identificaicón de macroinvertebrados alí mesmo no río Umia. A posterior identificación das diferentes familias fíxose tamén no río empregando as fichas de identificación do Proxecto Ríos e o indicador de estado de saúde que utiliza o voluntariado.
Aproveitamos tamén para coñecer os diferentes métodos de marcaxe e seguimento de peixes que realiza a EHEC para determinar as poboacións de peixes.
Ás 19:00 chegou o momento da clausura do curso no que participaron 30 persoas.