A organización ecoloxista ADEGA celebra os 20 anos dunha das súas iniciativas máis emblemáticas e pioneiras, o Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos con maior implantación e seguimento no territorio galego.
Con motivo deste aniversario, Proxecto Ríos lanza a campaña #SúmateáCorrente, co obxectivo de ampliar a súa base de voluntariado, nun momento no que os ríos nos precisan máis ca nunca. Desde ADEGA animamos a todas as entidades locais e veciñanza a sumarse á corrente e participar nesta e nas demais actividades desenvolvidas no marco do Proxecto Ríos, que impulsará ao longo deste presente ano numerosos cursos e saídas de formación, bioblitzs (descubertas de biodiversidade), limpezas de ríos, roteiros, e tamén iniciativas de custodia fluvial.
20 anos unindo ríos e persoas
O Proxecto Ríos, promovido por ADEGA, naceu hai 20 anos coa vontade de achegar a cidadanía ao medio fluvial e de poñer en valor a riqueza ambiental, social e cultural destes ecosistemas. O seu motor é a participación activa da sociedade a través de actividades para o coñecemento, conservación e vixilancia dos ríos do país. Ao longo destas dúas décadas, Proxecto Ríos teceu xa unha rede de máis de 8.000 persoas e 600 grupos ao longo de todo o territorio, cunha especial implicación da comunidade educativa.
Nun momento especialmente delicado para os ríos galegos, ameazados pola presión de proxectos industriais ou urbanísticos e pola degradación ambiental, fortalecer a base de voluntariado do proxecto faise máis necesario ca nunca. A implicación cidadá é clave para vixiar, protexer e defender uns ecosistemas fluviais que son vitais para a biodiversidade. É por iso que Proxecto Ríos fai un chamamento a arrimar o ombreiro e formar parte activa dun movemento que aposta pola vida dos nosos ríos.
Na actualidade o Proxecto Ríos conta co financiamento da Deputación da Coruña.
Subscríbete ao noso boletín “Gardarríos”
Se queres estar ao tanto de todas as actividades promovidas polo Proxecto Ríos, entra nesta ligazón e inscríbete ao noso boletín informativo Gardarríos: bit.ly/boletins_ADEGA. Poderás darte de baixa en calquera momento.
SúmateÁCorrente!

