O 18 de xullo de 2020 celebrouse o XVI Encontro de Voluntariado ambiental do Proxecto Ríos.
Desta volta tivo lugar no río Arnego, no espazo natural protexido do Sobreiral do Arnego, lugar no que ADEGA ten un acordo de custodia do territorio coa familia propietaria da Zarra da Pena, unha parcela de vinte hectáreas na zona de conservación do espazo da Rede Natura 2000. A parcela ten boa parte da súa contorna á beira do río Arnego na que se teñen realizado diferentes actuacións de estudo e conservación nos últimos anos.
A temática do encontro foron os morcegos, o seu estudo así como os programas de seguimento. Os morcegos ou quirópteros son un grupo de vertebrados que cumpre unha función moi importante nos ecosistemas, que se alimentan basicamente de insectos e que están moi ameazados por diferentes motivos; destrución do seu hábitat e refuxios, persecución pola súa mala fama, etc.
Pódense ver as fotos da actividade AQUÍ
O estudo e análise das comunidades de morcegos ten logo un interese dobre; por unha banda coñecer máis este grupo de vertebrados e ao tempo “usalos” para o estudo dos ecosistemas fluviais, ao ser unhas especies bioindicadoras do ecosistema fluvial.
O encontro comezou as 17.30h da tarde na área fluvial de Carmoega, á beira do río Arnego, onde numerosas persoas gozaban do río no caloroso día. Dende alí o grupo desprazouse ao Sobreiral, nomeadamente á Zarra da Pena onde se ía realizar a primeira actividade do día. A mesma consistía en revisar as caixas para morcegos instaladas no 2018. Para elo, a persoa encargada de levar a xornada, Xosé Pardavila da empresa Sorex, levaba unha pértega cunha cámara endoscópica. Así fóronse revisando todas as caixas. Para que as persoas participantes puideran ver o interior das caixas descargaron unha aplicación ao teléfono móbil que lle permitía ver o que a cámara estaba a ver. Xosé Pardavila que leva colaborando con Proxecto Ríos-ADEGA nesta iniciativa de custodia do territorio é unha persoa especialista nos morcegos que está a participar en numerosos proxectos na península.
A seguir baixamos ao río para facer as seguintes actividades desta volta xa no río Arnego.
Primeiramente se fixo a montaxe das redes para a captura de morcegos. Instaláronse redes ao longo do río, nomeadamente na tosta do muiño da Devesa e no camiño cercano. O motivo de poñer as redes é que os morcegos nada máis saír dos seus refuxios saen a beber e alimentarse da gran cantidade de insectos que habitan o río. Unha vez que as redes están colocadas só queda esperar a que os morcegos saian dos seus refuxios, momento que se aproveitan para cear algo.
Unha vez que os morcegos comezan a caer na rede se van gardando para o seu posterior estudo. A súa análise consiste en determinar a especie polos seus rasgos característicos e despois procedeuse a toma de mostras biolóxicas. Desta volta capturáronse 15 exemplares de 3 especies diferentes, os máis abundantes foron o morcego de ribeira (Myotis daubentonii) e o morcego común (Pipistrellus pipistrellus). Porén, tamén se capturou un exemplar de morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum) especie considerada como Vulnerable no Catalogo Galego de Especies Ameazadas. As especies íanse liberando a medida que se tomaban as mostras.
Para concluír a xornadas realizouse unha pequena formación sobre o Programa Quiroríos. Esta iniciativa pretende coñecer o estado ecolóxico dos bosques de ribeira a partir da actividade dos morcegos acuáticos. O índice QUIRORÍOS permítenos coñecer os atributos e características ecolóxicas dun sistema fluvial a partir da actividade horaria do morcego acuático en diferentes tramos de río. Explicouse a metodoloxía de mostraxe e realizouse unha proba do mesmo por parte das participantes.
Contra as tres da mañá pechouse o encontro que como se pode ver nas fotos, nomeadamente para o análise e estudo dos morcegos, no que se seguiron as medias de protección, tal como recomendan diversas entidades estatais e internacionais.