A fin de semana do 9 ao 11 de setembro tivo lugar outra quenda dos campos de voluntariado para a eliminación da flora exótica invasora na contorna do río Tea. Neste campo centrámonos na eliminación das especies invasoras Acacia dealbata Phytolacca americana e Robinia pseudoacacia cuxa presenza nas beiras deste río é abundante. Coa axuda das 14 persoas voluntarias que participaron nesta xornada conseguimos eliminar os rebrotes das zonas nas que se traballou en anteriores xornadas.
Pódense ver as fotos do campo no album de Google
A xornada comezou o venres 9 en no albergue Alentea en Covelo onde nos hospedamos durante a xornada. Alí, Paco Bañobre impartiu unha charla informando sobre a problemática das especies exóticas invasoras así como a situación pasada e actual do río Tea con relación a estas e os traballos realizados estes últimos quince anos.
Na mañá do sábado desprazámonos ata Ponte Cernadelas, ao carón de Mondariz para iniciar o percorrido río arriba do treito de 3Km que o Proxecto Ríos ten custodiado.
Antes de cruzar a ponte medieval eliminamos dous pés de Canna indica e explicamos a metodoloxía de traballo. A continuación foron retiradas varias tintureiras que estaban tamén ao carón da ponte.
Ao cruzar a ponte a actuación centrouse en eliminar os rebrotes de R. pseudoacacia que medraban dos restos das árbores cortadas pola cuadrilla de gardería fluvial que está a eliminar as falsas acacias no río Tea.
Seguidamente, percorremos o treito ata os Pasos de Tatín revisarndo os rebrotes de flora invasora nas zonas de actuación en quendas anteriores.
O domingo, para rematar, fixemos unha pequena visita á Rectoral de Barciademeda e o río Alén.
O roteiro do Alén, incluído dentro da rede natura 2000, destaca polo seu bosque de ribeira de amieiro (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus angustifolia) e unha carballeira termófila caracterizada polo carballo (Quercus robur), loureiros (Laurus nobilis), silbardeiras (Ruscus aculeatus) e outra flora acompañante típica destas carballeiras, Un paseo que completou un fin de semana de traballo, descuberta e conservación da nosa biodiversidade natural.