A fin de semana do 21 ao 23 de maio tivo lugar o vixésimo terceiro campo de voluntariado para a eliminación da flora exótica invasora na contorna do río Tea. Neste campo centrámonos na eliminación das especies invasoras Acacia dealbata e A. melanoxylon cuxa presenza nas beiras deste río é moi abundante. Coa axuda das 15 persoas voluntarias que participaron nesta xornada conseguimos eliminar os rebrotes das zonas nas que se traballou en anteriores xornadas.
A xornada comezou o venres 21 en no albergue Alentea en Covelo onde nos hospedamos durante a xornada. Alí, Ramsés Pérez e Paco Bañobre impartiron unha charla informando sobre a problemática das especies exóticas invasoras así como a situación pasada e actual do río Tea con relación a estas e os traballos realizados estes últimos doce anos.
Na mañá do día seguinte desprazámonos ata o Foxaco, a medio camiño entre Covelo e Mondariz, por onde discorre o río Tea atravesado polos marabillosos e máxicos Pasos de Tantín, construcións formadas por máis dunha vintena de pedras coidadosamente talladas e colocadas que nos permiten atravesalo río dunha beira a outra.
Durante o camiño fomos atopando pes soltos doutras invasoras: Phytolacca americana e Robinia pesudoacacia, que foron eliminados.
Despois dunha camiñada ao longo do río chegamos a primeira das zonas intervidas en anos pasados. Esta estivo completamente inzada por manchas de Acacia dealbata, e alegrounos ollar a ausencia de rebrotes e a presenza da flora autóctona comezando a repoboar a zona, deixando ao descuberto unha pequena praia fluvial. Esta mesma situación repetiuse en diferentes puntos a medida que continuabamos a nosa andaina ata chegar a dúas zonas con presenza de rebrotes.
O proceso de eliminación da Acacia dealbata e A. melanoxylon consistiu en arrancar a planta de raíz, eliminando a maior raíz posible, ou realizando un anel de descortizado (eliminar parte da cortiza do tronco en forma de anel para promover o secado da planta e, finalmente, a súa morte) naqueles exemplares de maior porte. A xornada durou todo o día, regresando contentos do traballo realizado. Ademais puidemos observar noutra zona tratada anteriormente pola presenza de manchas de bambú (Phyllostachys sp), o mesmo resultado que os anteriores, a completa ausencia desta especie en detrimento da flora autóctona, observando así como as nosas actuacións dan o seu froito. Neste lugar foron eliminados varios pes de R. pseudoacacia.
O domingo, para rematar, fixemos unha pequena visita á Rectoral de Barciademeda e o río Alén. O roteiro do Alén, incluído dentro da rede natura 2000, destaca polo seu bosque de ribeira de amieiro (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus angustifolia) e unha carballeira termófila caracterizada polo carballo (Quercus robur) e o loureiro (Laurus nobilis), un dos bosques máis ameazados de Galicia, con presenza de moitos dos fentos que podemos atopar nas ribeiras dos ríos galegos. Un paseo que completou un fin de semana de traballo, descuberta e conservación da nosa biodiversidade natural.