En 2021 retomamos unha das actividades máis emblemáticas do programa. Son os Roteirríos, actividades que pretenden poñer en valor ríos do noso país a través da realización de itinerarios e roteiros.
Este ano estarán dedicados a coñecer unha das figuras de protección recentemente creadas para a protección dos ríos: as Reservas Naturais Fluviais. Estas declaracións de protección abranguen espazos fluviais que posúen un elevado interese por atoparse practicamente inalterados. Son lugares de difícil acceso onde as actividade humanas non inciden de forma negativa, polo que constitúen un reservorio de biodiversidade. Dende o Proxecto Ríos faremos dúas rutas por estes lugares.
A primeira foi o pasado 12 de xuño. Fomos visitar o río Ouro ou rego da Furna, na serra do Xistral, que tamén é un lugar de interese comunitario e está na Rede Natura 2000.
Comezou a ruta na Capela de Santa Filomena, para baixar, dende alí, cara o rego da Furna. Subiuse pola beira do cauce do río aproximadamente durante medio quilómetro, onde se puido apreciar a biodiversidade que alberga o bosque de ribeira. Logo, o itinerario discorreu por unha das ladeira do rego xa que este vai moi encaixado e sube cara os cumios da serra do Xistral rodeando o alto do Cadramón.
Durante o camiño acompañounos unha espesa e persistente néboa que impediu que se apreciara en toda a súa magnitude a contorna da serra e da bacía do río.
Puidemos observar aínda así no rego de Cadramón, un exemplar de Lissotriton boscai e tamén de Hirudo medicinalis. Tamén atopamos pola contrna do camiño dúas plantas carnívoras: Drosera rotundifolia e Pinguicula vulgaris.
Logo de percorrer aproximadamente 12 Km regresamos ata a capela onde se puxo fin á actividade do primeiro roiterríos de 2021 por unha das Reservas Naturais Fluviais da demarcación hidrográfica de Augas de Galicia.