O sábado 6 de xullo celebramos a 15ª edición dos encontros de voluntariado do Proxecto Ríos. Esta actividade ten o obxectivo de facer protagonistas aos voluntarios e voluntarias que participan no Proxecto Ríos.
En 2019 continuamos propoñendo facer unha descuberta de biodiversidade (Bioblitz) para profundizar máis no coñecemeto da flora e a fauna que habita nos nosos ríos e ribeiras. Desenvolveuse esta actividade nas ribeiras do río Grou en Requeixo de Grou (Lobios).
Comezamos a actividade ás 11:00 da mañá. Logo de reunirnos cos participantes no Centro de Interpretación de Tracción Animal (CITRAN) na aldea de Requeixo de Grou, achegámonos ata o río Grou onde comezamos o percorrido identificando xa especies de aves polo canto e a flora e a fauna que iamos atopando. Para todo isto, estivemos acompañandos de Cosme Damián Romay. Tamén estivemos acompañados por integrantes da Asociación Galega de Tracción Animal, da Asociación ACI Val do Esquecemento e da Asociación A Corga de Barxés do concello de Muíños. Tivemos a sorte de que tamén se achegou o botánico Ínigo Pulgar, que comentou aspectos relacionados coa flora ripícola. Fomos así percorrendo a marxe esquerda do río ata que, polo encaixonamento do río, non puidemos continuar. Foi o momento no que se fixo un repaso das especies identificadas tanto de flora como de fauna. Regresouse pola mesma marxe e no inicio do tramo fíxose unha recollida de macroinvertebrados para amosar a metodoloxía de inspección do Proxecto Ríos. A continuación, regresamos ao CITRAN para desfrutar dun xantar ofrecido polo Proxecto Ríos.
Logo do xantar, Davide Antón, veterinario do CITRAN comentou as actividades que desenvolven dende o centro e regresamos ao río para ver unha demostración da realización de traballos especializados que se poden facer á beira do río sen ocasionar impacto no medio fluvial. Neste caso, retirouse da marxe do río un tronco caído coa forza de Murry, o cabalo que empregan no CITRAN para estas demostracións.
Ás 18:30 regresamos ao centro de interpretación e puxemos fin ao decimo quinto encontro cunha participación de 28 persoas, esperando atoparnos nas vindeiras actividades.