O sábado, 28 de setembro, celebrouse a trixésima edición das xornadas de formación do Proxecto Ríos correspondente a campaña de outono, na Estación Hidrobiolóxica do Encoro do Con (EHEC), en Vilagarcía de Arousa.
Recibíronse ás/ós participantes ao redor das once da mañá e as once e cuarto comezou a presentación da xornada formativa cunha introdución ao Proxecto Ríos a cargo de Paco Bañobre. Nesta introdución tamén comentouse o estado xeral dos ríos galegos a partires do Informe anual do Proxecto Ríos 2018.
A continuación, Ramsés Pérez presentou a súa conferencia ” Ríos de Lingua e Cultura” onde puxo en valor o patrimonio material e inmaterial (como son os nomes vernáculos propios de cada zona para denominar a cada un dos integrantes do ecosistema fluvial) relacionado cos ríos, e a necesidade real de preservalo ao fallar unha posible transmisión interxeracional do saber popular por parte das novas xeracións.
Ás 14:30h todas/os as/os integrantes do curso xantamos conxuntamente nas instalacións da EHEC.
Ás 16h iniciamos o noso percorrido ata o río do Con, preto da EHEC, para facer unha mostraxe e identificación dos macroinvertebrados no leito do río coa colaboración de Rufino Vieira, xefe da Estación Científica. Nun mesmo treito elixiuse diferentes zonas (con abundancia de follas, de pedras e de arena) para facer que a mostra de treito presentara o maior número de especies posible. Identificáronse os organismos coa axuda das fichas de identificación do Proxecto Ríos.
Posteriormente, nas instalacións da estación, fíxose unha observación máis exhaustiva empregando as lupas do laboratorio por parte dos participantes, para observar as distintas estruturas e para mellorar a súa comprensión das distintas especies de macroinvertebrados.
Ás 19 horas deuse por concluído o curso, no que participaron quince persoas.