Vimos de publicar na web o informe anual do Proxecto Ríos dos anos 2019 e 2020.
Decidimos xuntar os resultados das inspeccións do voluntariado durante estes dous anos debido á situación de confinamento do ano 2020 que limitou as saídas aos ríos durante ese ano. Máis que nunca queremos agradecer ao voluntarido o seu compromiso cos nosos ríos, que continuou coas actividades perante a adversidade das circunstancias.
No informe recóllense os resultados das inpeccións realizadas polo voluntariado en diferentes ríos. Dende o Proxecto Ríos facemos un tratamento estatístico dos datos aportados polo voluntariado, así como unha valoración da participación e un resumo das actividades realizadas pola coordinación do programa.
A continuación expoñemos un breve resumo das conclusións tiradas do Informe do Proxecto Ríos 2019-2020, que se pode descarregar completo na zonas e descargas desta web.
Conclusións:
No informe aparecen as conclusións das inspeccións realizadas polo voluntariado organizadas en tres aspectos: participación no proxecto, calidade hidromorfolóxica, calidade fisicoquímica e calidade biolóxica. Estes tres últimos parámetros son os que emprega o voluntariado para determinar a calidade ecolóxica do treito de río. Porén, no informe tamén se recollen datos da presenza de especies invasoras, usos do solo, residuos, impactos e alteracións, etc…
Participación:
Na bianualidade 2019-2020, creáronse 37 novos grupos chegando ate os 427, o que supuxo un incremento no caudal do Proxecto Ríos. Porén, a participación nas inspeccións leva varios anos descendendo polo que ao longo do ano 2021 fíxose unha actualización da base da datos. Por provincias, a participación continúa como en anos anteriores, onde A Coruña e Pontevedra seguen liderando a participación con máis do 50% dos grupos. Lugo e Ourense continúan con menos participación debido á menos poboación que posúen. Neste apartado tamén se mide a asistencia e participación do volutariado ás actividades propostas polo Proxecto Ríos: cursos de formación, encontro de voluntariado, saídas formativas, limpezas de ríos, campos de voluntariado, etc… nas que ano tras ano cubrense as prazas ofertadas.
Calidade hidromorfolóxica:
Neste apartado estúdanse aspectos relacionados coa hidromorfoloxía fluvial, o bosque de ribeira, as alteracións, os usos do solo, etc. Nas conclusións salientamos os datos do hábitat fluvial e de calidade do bosque de ribeira, que refilcten os estado xeral do ecosistema fluvial. Os datos de calidade do hábitat amosan porcentaxes similares a anos anteriores, onde unha media do 30 – 35% dos treitos estudados amosaron amosaron alteracións importantes, aspecto que pode repercutir na saúde futura do ecosistema. En canto á calidade do bosque de ribeira os resultados das inpeccións de 2019 e 2020 amosan que continúa un progresivo deterioro das masas de árbores que acompañan aos ríos, onde máis das metade dos treitos analizados amosaron algunha alteración no bosque de ribeira.
Calidade fisicoquímica
Neste apartado o voluntariado participante analiza os seguintes parámetros: temperatura da auga, pH e concentración de nitratos. Tanto en 2019 como en 2020 os valores de Tª medidos nos ríos estudados foron normais, co rango máis frecuente entre 12 e 15 °C. En canto ao pH, os resultados foron na maioría dos ríos normais, agás unha medición de pH 4 en primavera de 2019 no río Louro. A mairía das medicións de concentracións de NO3 estiveron, tanto en 2019 como en 2020, entre os 0 e os 5 mg/l. Con valores de máis de 20 mg/l apareceron 12 treitos en 2019, en 2020 foron 4.
Calidade biolóxica
O voluntariado do Proxecto Ríos emprega nas súas inspeccións o índice de macroinvertebrados. Realiza unha recollida destes animais no río, identifica as diferentes familias e conclúe a calidade final do río. O índice de macroinvertebrados funciona como un semáforo, que vai do azul ata o vermello, en función da calidade. Os individuos azuis son moi sensibles ás perturbacións, mentres que os laranxas ou vermellos teñen uns requirimentos máis laxos e son máis resistentes podendo vivir tanto en augas limpas como contaminadas. Aproximadamente o 75-80% dos treitos anlizados polo voluntariado amosaron unha calidade boa ou moi boa. Porén, aparecen tamén treitos con calidades moderada, deficiente e mala, aínda que en menores porcentaxes que anos anteriores.