Hoxe, día 22 de marzo, celébrase o Día Mundial da Auga que está centrado en 2021 en lembrar a relevancia que ten este líquido esencial para acadar un desenvolvemento sustentable. O lema para este 2021 é “Auga para frenar o coronavirus” e pretende concienciar polo tanto sobre a crise mundial da auga e da necesidade que supón o ter acceso a ela na superación da pandemia, outra faciana a ter en conta na protección deste recurso vital.
Dende o Proxecto Ríos sumámonos á celebración deste día realizando diversas actividades nos ríos ao longo desta semana. Iniciamos así tamén as saídas formativas, que consisten en realizar unha inspección de río explicando a metodoloxía empregada e nas que acompañamos aos grupos participantes:
As actividades programadas para esta semana son:
- Saída no CPI Mosteiro de Meis, 23 de marzo.
- Saída co IES Xelmirez II de Santiago de Compostela, 24 de marzo.
- Saída co IES de Melide, 24 de marzo.
- Saída co CFEA de Lourizán , 24 de marzo.
- Charla telemática no IES Agra de Raíces de Cee , 25 de marzo.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.