Augas de Galicia e ADEGA anovaron esta mañá o convenio polo que se financia o principal proxecto galego de educación ambiental en cursos fluviais.
A presidenta de ADEGA e Coordinadora do proxecto, Virxinia Rodríguez Álvarez, asinou no día de hoxe, 4 de maio, xunto coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez, a renovación do convenio de colaboración co organismo de augas que dota de orzamento o Proxecto Ríos de voluntariado ambiental en ríos. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
O acto tivo que desenvolverse vía telemática dado o estado de alarma e da situación de excepcionalidade que estamos a vivir por mor do Covid-19, unha situación que tamén determina de xeito especial o tipo de actividades a desenvolver durante 2020 no marco do programa educativo de Proxecto Ríos. Este ano, farase especial fincapé na elaboración de materiais de carácter educativo e didáctico de interese para o voluntariado ambiental en ríos e programaranse menos actividades ao aire libre ou saídas de campo en previsión de que estas poidan estar limitadas nos vindeiros meses co gallo de evitar riscos sanitarios.
15 ANOS UNINDO RÍOS E PERSOAS
Este convenio permitirá desenvolver durante este ano 2020 unha extensa lista de actividades de capacitación do voluntariado fundamentais para acadar unha participación activa da cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Así mesmo, tamén permitirá darlle continuidade a un dos programas de voluntariado ambiental con maior traxectoria na historia do ecoloxismo e da educación ambiental en Galiza e co maior implantación no país.