O pasado sábado día 2 de xullo celebrouse en Carral a 18ª edición dos encontros de voluntariado do Proxecto Ríos. Estas actividades teñen como obxectivo compartir experiencias entre o voluntariado do proxecto arredor dos ríos.
En anos anteriores os encontros estaban destinados a coñecer diferentes actividades que os grupos desenvolven durante as súas inspeccións. Tamén se aproveitaba para realizar unha descuberta de biodiversidade por ríos que posúen un elevedo valor natural.
Desta volta, quixemos facer unha actividades relacionada coa custodia do territorio, nomeadamente coa custodia fluvial. Fomos polo tanto a acompañar á Asociación Brexa, que realiza custodia nas fincas propiedade do concello de Carral e que están ao carón do río Brexa. O encontro deu para comentar e compartir as posibilidades de actividades que se poden desenvolver na contorna fluvial e que potencien a conservación do río.
Da man de Xosé, da Asoc Brexa, fomos percorrendo un pequeno treito do río Brexa. As persoas participantes realizaron pequenas tarefas de mantemento da marxe do río, onde se plantaran árbores do bosque de riberia. Aproveitouse tamén para eliminar unha pequena mancha de Crocosmia x crocosmiiflora localizada na marxe do río.
Logo destas actividaes realizuse un pequeno xantar de convivio onde se continuaron comentando as posibilidades que a custodia fluvial ofrece para a conservación dos ríos.
Ás 16:00 púxose fin ao XVIII Encontro de Voluntariado no que participaron 14 persoas.