Celebrouse o 17 de Xullo de 2021
e ao igual que en 2020 tivo lugar no río Arnego, espazo natural protexido do Sobreiral do Arnego no que ADEGA ten un acordo de custodia do territorio, unha parcela de vinte hectáreas na zona de conservación do espazo da Rede Natura 2000. A parcela ten boa parte da súa contorna á beira do río Arnego na que se teñen realizado diferentes actuacións de estudo e conservación nos últimos anos.
A temática do encontro foron os morcegos, o seu estudo así como os programas de seguimento. Os morcegos ou quirópteros son un grupo de vertebrados que cumpre unha función moi importante nos ecosistemas, que se alimentan basicamente de insectos e que están moi ameazados por diferentes motivos: destrución do seu hábitat e refuxios, persecución pola súa mala fama, etc.
O estudo e análise das comunidades de morcegos ten logo un interese dobre; por unha banda coñecer máis este grupo de vertebrados e ao tempo “usalos” para o estudo dos ecosistemas fluviais ao ser especies bioindicadoras.
O encontro comezou as 18:00 h na área fluvial de Carmoega, á beira do río Arnego. Dende alí, o grupo de voluntariado, composto por unha ducia de persoas, desprazouse ao Sobreiral, nomeadamente á finca custodiada onde se realizou a primeira actividade do día, que consistiu en revisar as caixas para morcegos instaladas nos anos 2018 e 2020.
A actividade estivo guiada por Xosé Pardavila, especialista en morcegos que leva colaborando con Proxecto Ríos-ADEGA nesta iniciativa de custodia do territorio e que participa en numerosos proxectos na península. Na inspección das caixas colocadas non se atopou ningunha ocupada, porén en revisións anteriores si apareceron morcegos ocupando algunha das máis de 50 que hai na zona.
Continuamos a actividade coa instalación de redes para a captura de morcegos, que nada máis saír dos seus refuxios saen a beber e a alimentarse da gran cantidade de insectos que habitan no río. As redes revísanse cada pouco tempo e os morcegos que comezan a caer vanse gardando para o seu posterior estudo, que consiste en determinar a especie polas súas características e sexo a tomar medidas como o peso ou o tamaño das extremidades e a recoller mostras biolóxicas: sangue e xenética. Desta volta capturáronse 7 exemplares dunha soa especie, o morcego de ribeira (Myotis daubentonii). Os exemplares vanse liberando a medida que se recollen os datos.
Para concluír a xornada, realizouse unha pequena formación sobre o Programa Quiroríos. Esta iniciativa pretende coñecer o estado ecolóxico dos bosques de ribeira a partir da actividade dos morcegos acuáticos. Explicouse a metodoloxía de mostraxe e realizouse unha proba do mesmo por parte dos participantes.