Informe sobre o estado de saúde dos ríos galegos en 2012 Imprimir E-mail
O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partires das análises realizadas polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante 2012. Os resultados das inspeccións amosan que o 45% dos ríos están nun estado moi bo; o 34,5% bo; o 12,5% moderado e o 8% deficiente. Obsérvase un descenso moderado dos treitos con estado "moi bo" e "bo" respecto aos anos 2010 e 2011, que pasa dun 82% a un 80% así como un aumento dos de calidade "deficiente".
 

Estes treitos con calidade deficiente atópanse nos ríos Pexegueiro (Redondela), Limia, Sil, Chanca (Meaño), Arnoia e Lavandeira (Oia). Ningún treito estudado en 2012 amosou unha calidade biolóxica mala. Porén, compre sinalar que en anos anteriores o Lagares, Sar e Louro presentaban un estado malo e no 2012 non houbo inspeccións neles. A calidade do bosque de ribeira é outro parámetro que analiza o voluntariado para establecer a saúde dos ríos. Neste sentido hai que salientar que a degradación das marxes fluviais continúa como en anos anteriores: o 59% dos treitos teñen marxes moi degradadas ou con alteracións importantes.

Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 240 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 55%, o que supón unha participación algo menor que en 2011, pero substancial con respecto a anos anteriores, nos que non se superaba o 40%. En canto á participación por provincias, a hexemonía que durente todos estes anos posuía A Coruña, pasou a mans da provincia de Pontevedra. Porén, siguen sendo as provincias onde máis activa é a participanción con porcentaxes do 39% na Coruña e do 40% en Pontevedra.

A conca máis estudada é a das Rías Baixas, que acada unha porcentaxe do 58% das inspeccións realizadas. A porcentaxe restante repártese entre as concas do Miño (20%), Arco Ártabro e Fisterrá (14%), as do Limia-Douro (4%) e as concas que verten ao mar Cantábrico (4%).

En función dos datos recibidos, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2012 foi nun 49 % moi bo na campaña de primavera e nun 30% en estado bo; en outono o 39% estiveron en estado bo, correspondéndolle ao estado moi bo outro 41%. Observáronse treitos con saúde moderada (13% en primavera; 12% en outono) e deficiente (8% en primavera; 8% en outono). En 2010 e 2011 marcouse unha tendencia cara o predominio dos treitos cunha calidade boa en vez de moi boa, debido principalmente ao cambio de metodoloxía. En 2012, as porcentaxes destas dúas categorías están moi próximas, prevalecendo aqueles treitos que amosan unha calidade moi boa, sobre todo en primavera.

En canto á calidade do bosque de ribeira, nos últimos anos establecíase unha tendencia cara a degradación das marxes dos nosos ríos que en 2012 se volve a manifestar. Así, as marxes moi degradadas en primavera supoñen un 25% do total e en outono un 17%. Pódese concluír que non existíu variación, en canto a número, dos treitos coas marxes ben corservadas. Nos treitos con alteracións importantes houbo un ascenso importante a costa das marxes moi degradadas, que descenderon. A perda e empobrecemento da vexetación das marxes dos ríos galegos é un feito que se ven constatando ano tras ano.

En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que, nos treitos estudados, foi excelente nun 51%, moderado nun 46% e deficiente nun 3% na campaña de primavera. En outono, as porcentaxes se distribúen do seguinte xeito: excelente, 59%; moderado, 36%; deficiente, 5%. Os valores da calidade do hábitat en 2012 son moi parecidos aos obtidos en 2011. Establecese así unha tendencia cara a melloría, que de todas formas hai que interpretar con prudencia xa que este é o terceiro ano no que o voluntariado aplica o índice de heteroxeneidade fluvial.

Os treitos de río, ao seu paso por vilas e cidades, como os ríos Limia, Arnoia, Sil e Sarria son os que amosan estados de saúde máis delicados pola forte presión humana á que están sometidos, ou ben aqueles que están próximos á súa desembocadura, onde a corrente de auga perde velocidade e poden acumular máis contaminantes.

< Anterior   Seguinte >
go to top