Resultados do Informe Anual 2013 Imprimir E-mail
informe_2013._red9.jpgO informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partires das análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións realizadas, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante o ano 2013. Os resultados das inspeccións realizadas polo grupos de voluntarios/as amosan que existe unha tendencia cara un estado bo dos nosos ríos. A porcentaxe de treitos con calidade deficiente se mantén como en 2012, e se corresponden cos ríos Aríns, Chanca, Mero e Limia en primavera e o Lagar, Esteiro e Limia en outono. Podes descarregar o Informe completo nesta LIGAZÓN
 
Ningún treito estudado en 2013 amosou unha calidade biolóxica mala. Porén, compre sinalar que en anos anteriores os ríos Lagares, Sar e Louro eran os que presentaban un estado de saúde malo e que no ano 2013 non se realizaron as inspeccións correspondentes. A calidade do bosque de ribeira é outro parámetro que analiza o voluntariado para establecer a saúde dos cursos fluviais. Neste sentido hai que salientar que a degradación que sofren as marxes dos ríos do país continúa como en anos anteriores. Máis da metade dos treitos estudados presentaban as súas marxes con alteracións importantes e moi degradadas, e se corresponden cos ríos Corgo, Zamáns, Lagar ou Limia entre outros.
 
imagen1.jpgDende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 271 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 52%, porcentaxe moi parecida á de 2012 (55%). En canto á participación por provincias, A Coruña (40%) é a que máis grupos aglutina seguida pola de Pontevedra (38%). Lugo é Ourense teñen unha participación máis discreta con porcentaxes do 13% e 9% respectivamente.
A conca máis estudada é a das Rías Baixas, que acada unha porcentaxe do 49% das inspeccións realizadas. A porcentaxe restante repártese entre as concas do Miño (20%), Arco Ártabro e Fisterrá (20%), as do Limia-Douro (4%) e as concas que verten ao mar Cantábrico (7%).
 
 
imagen3.jpgEn función dos datos recibidos, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2013 foi nun 52 % moi bo na campaña de primavera e nun 33% en estado bo; en outono o 39% estiveron en estado bo, correspondéndolle ao estado moi bo outro 40%. Observáronse treitos con saúde moderada (9% en primavera; 19% en outono) e deficiente (6% en primavera; 5% en outono). Como conclusión podemos determinar que a calidade da auga nos ríos estudados polo voluntariado mellora lixeiramente con respecto a 2011 e 2012.
 
 
imagen4.jpgEn canto á calidade do bosque de ribeira, nos últimos anos establecíase unha tendencia cara a degradación das marxes dos nosos ríos que en 2013 se volve a manifestar. Así, as marxes moi degradadas en primavera supoñen un 15% do total e en outono un 25%. Pódese concluír que non existíu variación, en canto a número, dos treitos coas marxes ben corservadas. Nos treitos con alteracións importantes houbo un ascenso importante a costa das marxes moi degradadas, que descenderon. A perda e empobrecemento da vexetación das marxes dos ríos galegos é un feito que se ven constatando ano tras ano. Podemos concluír que aínda que mellororu a calidade da auga, no bosque de ribeira segue a haber un deterioro constante que é preocupante.
 
 
imagen2.jpgEn canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que, nos treitos estudados, o hábitat estaba ben constituído nun 56%, con alteracións nun 38% e empobrecido nun 6% na campaña de primavera. En outono, as porcentaxes se distribúen do seguinte xeito: ben constituído, 50%; con alteracións, 48%; empobrecido, 2%. Os valores da calidade do hábitat en 2013 son moi parecidos aos obtidos en 2012. Aínda que os resultados amosan que a maioría dos treitos teñen o hábitat ben constituído, a presenza de hábitats con alteracións e empobrecidos nos informa de que moitos dos ríos estudados se atopan nunha situación incerta en canto á súa evolución, xa que para revertir unha situación de degradación do hábitat é preciso desenvolver actuacións concretas no medio.
Os treitos de río, ao seu paso por vilas e cidades, como os ríos Limia, Mero, Aríns e Esteiro son os que amosan estados de saúde máis delicados pola forte presión humana á que están sometidos, ou ben aqueles que están próximos á súa desembocadura, onde a corrente de auga perde velocidade e poden acumular máis contaminantes.
< Anterior   Seguinte >
go to top